As tecnólogas galegas fan un chamamento a romper estereotipos profesionais e formarnos en ciberseguridade

luns, 21 de setembro do 2020 S. P.

Entre as moitas actividades de interese (boa parte delas virtuais) do programa da nova edición da feira de emprendemento Pont-Up Store, organizada polo Campus (Campus Crea) e o Concello de Pontevedra, figurou unha charla baixo unha óptica feminina que contou coa participación de media ducia de expertas galegas en ciberseguridade. A sesión, moderada por Ramón Suárez, director executivo de iVigo Business Space, abriuse derrubando os falsos estereotipos sobre o perfil das persoas que se adican a traballar en contornas tecnolóxicas e que acaba por xerar (este perfil erróneo) un déficit de mulleres nas disciplinas relacionadas co mundo das telecomunicacións e outras carreiras tecnolóxicas.
Todas elas coincidiron na urxencia de tirar abaixo estes prexuízos e recordar a longa, diversa e completa variedade de perfís profesionais que atesoura o ámbito TIC, moi afastada do modelo único, predominantemente masculino e predominantemente desconectado da realidade, que os medios e a cultura de masas veñen impoñendo dende hai décadas.
Tamén xuntaron forzas para salientar a importancia de mostrar ao tecido social como coidar a súa privacidade. A sesión serviu para clausurar, no mediodía do sábado 19, despois de tres días de actividades formativas en liña que foron seguidas por máis de 12 mil persoas (e que seguirán dispoñíbeis na web e as redes do encontro), a edición da feira pontevedresa Pont-Up Store máis dixital da historia do evento.
Susana Rey, enxeñeira Teleco, experta en Ciberseguridade e delegada de Protección de Datos (DPO) no Grupo Euskaltel, Virgin Telco, R e Telecable, asegurou que “os estereotipos de xénero son roles que transmitimos ás crianzas e que acaban por limitar non só as expectativas das nenas, senón as de toda a sociedade, porque necesitamos equipos o máis diversos posíbel e se perdemos a visión dun 50% do mundo, quedamos a un 50% de facelo ben”. Segundo dixo, “necesitamos que as nenas xoguen con princesiñas hackers”.
Na palestra tamén se abordou o propio estereotipo da hacker para explicar que se trata de profesionais que, ao contrario do que a maioría da poboación imaxina, non son piratas informáticas, senón expertas no manexo de computadoras, que se ocupan poñer a proba os sistemas informáticos das empresas emulando o ataque de ciberdelincuentes para encontrar fallos de seguridade que podan supoñer unha ameaza e acompañalos para resolvelos. A este respecto, Olalla Sánchez, enxeñeira Teleco, hacker ética e consultora de ciberseguridade, advertiu de que “nunha sociedade cada vez máis conectada e con millóns de móbiles activos, o cibermundo volveuse máis inseguro ca nunca”. Entre as múltiples ameazas que podemos sufrir, Sánchez destacou os fraudes online e explicou que “poderían reducirse en grande parte fomentando a concienciación e a formación das persoas usuarias, un tema de vital importancia para un futuro que xa está aquí e que se vai acelerar aínda máis a causa dos efectos da pandemia”.
Pilar Vila, enxeñeira Informática, CEO cofundadora de Forensic & Security, opina que “é certo que as organizacións son cada vez máis conscientes da necesidade de investir en ciberseguridade, pero non é suficiente; hai que investir máis en formar ás persoas que integran os equipos”. Na palestra lembrouse que “todo dispositivo conectado a unha rede é vulnerábel”, e a mellor forma de protexerse fronte aos ciberataques é seguir unhas mínimas normas de funcionamento dixital que a maioría da poboación descoñece ou non practica. Sobre este problema, Susana Rey advertiu de que “temos unha xeración de orfos dixitais que se están introducindo no ciberespazo sen que ninguén saiba ensinarlles as normas básicas”. Olalla Sánchez, engadiu que “nenas e nenos teñen que estar guiados e vixiados, igual que non os deixamos sós na rúa, tampouco podemos deixar que vaian sós por Internet, e formalos no tema da privacidade é fundamental”.
Pola súa banda, Sara Suárez Gonzalo, investigadora en datos masivos (Big Data), privacidade, Intelixencia Artificial e algoritmia, usou os termos “civismo dixital” para referirse á necesidade de que a sociedade aprenda a comportarse en Internet; e asegurou que “é necesario fomentar a participación de toda a sociedade na creación e mellora da tecnoloxía, que non pode ficar en mans dunhas poucas persoas expertas”. Neste mesmo sentido, Pilar Vila advertiu de que “se non empezamos a educar en competencias dixitais, imos asistir en pouco tempo a discriminacións sociais moi fortes para as persoas que queden fóra dun mundo que cada día nos vai esixir máis manexo de tecnoloxía”.
Lilian Adkinson, enxeñeira Teleco e responsábel de Analítica en Seguridade e Privacidade en Gradiant, explicou que “a demanda destes perfís é maior cada día, pero que está resultando difícil encontrar profesionais con formación específica para incorporalos ás empresas e aos equipos de investigación, sobre todo en Europa”. Neste momento, segundo aclarou Pilar Vila “os 4 ou 5 xigantes que manexan o mercado do Big Data e que fan parte do denominado capitalismo da vídeo-vixilancia, están en Estados Unidos, o que supón unha importante preocupación para a Unión Europea”.

PUBLICIDADE