As técnicas avanzadas para a análise de Big Data, protagonistas dos Premios de Transferencia

xoves, 8 de novembro do 2018 Redacción

O equipo responsábel de Insitu

A semana déronse a coñecer os nomes dos galardoados na presente convocatoria dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que este ano chegan á súa cuarta edición. Segundo puidemos confirmar, as grandes protagonistas destes recoñecementos, amais -por suposto- dos propios equipos de investigadoras e investigadores distinguidos, son as novas tecnoloxías postas ao servizo da nosa seguridade, da nosa calidade de vida e dunha meirande eficiencia na xestión de recursos. Este é, de feito, o alicerce da lucense Insitu, con orixe na UVigo, na que recae o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía para PEME. Insitu, de feito, desenvolveu un sistema para a toma de decisións sobre estradas, aeroportos e liñas de ferrocarril.
O certame, que vén de facer pública a resolución do xurado, está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, e diríxese a “recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo”. Os galardóns serán entregados nunha cerimonia que terá lugar en datas vindeiras en Santiago de Compostela.
Como dixemos, na categoría de PEME, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspóndelle a Insitu Enxeñería. Esta spin-off luguesa, nacida do Grupo de Investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTech) da Universidade de Vigo en 2008, desenvolveu un sistema para a xestión das infraestruturas do transporte a partir de información xeorreferenciada de alta densidade e en formato tridimensional. A ferramenta resultante permítelle a empresas e administracións públicas inspeccionar, explotar e xestionar estradas, liñas de ferrocarril e aeroportos desde a oficina, a partir dos datos obtidos con múltiples sensores e que lle mostran ao usuario representacións 3D e imaxes sobre o estado da vía, a visibilidade nun determinado momento, etc.
A tecnoloxía transferida foi obxecto da tese doutoral de María Varela, actual responsábel de innovación da empresa. O software de Insitu é un programa inserido no Big Data, tendo capacidade para procesar enormes volumes de datos de carácter xeoespacial capturados sobre grandes infraestruturas de transporte a partir de sensores móbiles láser e de imaxe. A tecnoloxía premiada fai posíbel unha xestión máis eficiente das vías de transporte grazas á dispoñibilidade de información “fiábel e de alta calidade”. Na actualidade, o software está sendo utilizado por administracións públicas e grandes empresas españolas. A comercialización da tecnoloxía galardoada permitiulle á empresa quintuplicar a súa facturación e pasar de 20 a 30 traballadores no prazo de dous anos.

O equipo de traballo do CIQUS

Pola súa banda, o premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos membros do equipo, recaeu no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e no Departamento de Química Física da Universidade de Santiago. O proxecto liderado polos doutores Francisco Rivadulla e Víctor Leborán consiste no desenvolvemento dun microsensor de temperatura ultrasensíbel que optimiza a identificación e caracterización dos intercambios de calor propios dos procesos químicos e biolóxicos. O seu novo sensor, bautizado como ANTS, ten como principais aplicacións o desenvolvemento de novos fármacos e produtos biomédicos, xa que permite obter información moi precisa sobre procesos de interese biolóxico.

O equipo de inestigadoras do proxecto Pescaenverde

Amais do devandito, o xurado dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía decidiu outorgar unha mención especial na categoría de investigación aplicada ao proxecto de ecoetiqueta Pescaenverde. O equipo formado por Gumersindo Feijoo, María Teresa Moreira, Ina Vázquez e Pedro Villanueva, do Departamento de Enxeñería Química da USC, foi distinguido polo desenvolvemento dunha ecoetiqueta que lle achega información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros que adquire teñen sobre o medioambiente. Segundo explicaron as responsábeis da iniciativa, a marca de garantía pescaenverde ten asociada un software que calcula a pegada de carbono de todas as actividades asociadas á captura e transporte do peixe, “de maneira que as empresas do sector poden transmitir aos consumidores o perfil ambiental dos seus produtos”.

PUBLICIDADE