As tarxetas Eye-Fi xa poden comunicarse directamente con dispositivos móbiles

mércores, 11 de abril do 2012 Marcus Fernández

Aínda que actualmente xa hai numerosas cámaras dixitais con conectividade Wi-Fi, os usuarios que queiran gozar de prestacións semellantes poden optar por facerse cunha tarxeta SD con Wi-Fi, podendo conservar a cámara fotográfica actual, abríndoa á conectividade sen fíos, o que facilita a copia de fotografías a servizos en liña (coma Flickr, Picasa ou Facebook) ou a un ordenador, polo que podería considerarse que estamos ante tarxetas sen fondo.
Nesta liña chega a Eye-Fi Mobile X2, que venderase en breve por 79,99 euros no seu modelo con 8 Gb de capacidade (o modelo de 4 Gb xa está dispoñible no Xapón), que destaca fronte ás tarxetas predecesoras da mesma marca en facilitar a interacción con dispositivos con iOS ou Android, o que facilita que vexamos as nosas últimas fotografías no iPad, no iPhone ou nun móbil con Android sen ter que quitar a tarxeta de memoria da cámara e incluso aínda que non contemos cun punto de acceso Wi-Fi preto (pois os dispositivos poden interactuar directamente coa tarxeta Eye-Fi).
Estar tarxetas SD contan con Wi-Fi N, inclúen un lector de tarxetas USB que facilita a súa configuración e para operar con dispositivos móbiles temos dispoñible aplicación de seu na App Store e en Google Play.

JPEG - 44.6 KB
A tarxeta Eye-Fi Mobile X2 inclúe un lector USB para facilitar a súa configuración

PUBLICIDADE