As tabletas One de Wacom xa funcionan nos Chromebooks

martes, 26 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

As tabletas dixitalizadoras One de Wacom, dispoñibles por 40,57 e 60,91 euros en tamaños pequeno e mediano, que poden aproveitarse para trasladar a experiencia de escribir e debuxar sobre papel ao ordenador, veñen de dar un importante paso para a súa incorporación ao mundo da educación ao recibir a certificación de Chrome OS, ou sexa, que esta solución de lapis dixitalizador funciona directamente nos Chromebooks, axudando así a superar as limitacións do teclado e o rato nas aulas.
Estamos ante unhas tabletas cegas, ou sexa, que non integran pantalla, polo que son unha opción económica para integrar un lapis nun equipo informático conectando a superficie de debuxo ao ordenador por USB. Amais estes accesorios son o suficientemente pequenos e lixeiros como para poder transportarse na mochila escolar sen que supoñan un problema para os estudantes, e tamén son compatibles con aplicacións educativas como Kami, Pear Deck, Limnu ou Explain Everything.

PUBLICIDADE