As reservas garantizarán un forte lanzamento para Halo 3

venres, 10 de agosto do 2007 Marcus Fernández

O éxito da saga de Halo é algo indubidable, e a nova entrega que chegará o vindeiro 25 de setembro a EE.UU. (un día antes que a Europa) pretende ser a estrea de máis éxito da historia do lecer como xa pasara con Halo 2, e as reservas que se están a facer do xogo parecen confirmar tal posibilidade.


Trailer do xogo

Halo 3 venderase en 3 versións (normal, de coleccionista e lendaria), e segundo parece a exclusiva edición lendaria que inclúe unha reprodución do casco do protagonista do xogo podería esgotarse o mesmo día do lanzamento, o que sorprende xa que se vende a un elevado prezo.
Microsoft asegura que xa hai un millón de reservas do xogo, aínda que algunhas estimacións falan de que se poderían vender 4 millóns de copias no lanzamento do xogo. A edición normal (sen extras) venderase a 64,99 euros; a edición de coleccionista vén nunha caixa metálica, inclúe un libro de ilustracións e un DVD con distintos contidos por 74,99 euros e a xa mencionada edición lendaria sumará á edición de coleccionista 3 agasallos (o casco de Spartan, unha colección de láminas e un DVD con secuencias de vídeo das anteriores entregas do xogo) que se venderá a 119,99 euros.

PUBLICIDADE