As redes sociais impulsan a celebración das Letras Galegas en Londres

xoves, 16 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

O Día das Letras Galegas, que tamén é o Día da Internet, vaise celebrar con actividades e mobilizacións festeiras alén da nosa terra. Por exemplo en Londres, onde a asociación Rede Galega en UK (REGA-UK) ten preparado un máis que interesante programa conmemorativo, por razóns ben diversas (influencia do noso tempo, a arela de estreitar as canles coa terra nai dende Londres, a coincidencia da festa das Letras co Día de Internet) moi vencellado co ámbito dixital. Os festexos serán, iso si, o 18 de maio.
Tanto a comunidade de galegas e galegos no Reino Unido como a residente na nosa terra están a pechar fileiras arredor do evento, principalmente a través da canle da asociación REGA-UK en YouTube (estes apoios, precisamente, son o xermolo dun vídeo acabado de publicar). Entre os apoios recibidos, fornecidos dende múltiples frontes (colectivos de xornalistas, músicos, actores), atópanse os de Guadi Galego, Gayoso, Bieito Romero, Xabier Díaz, Pablo Pose, Tati Moyano, Alfonso Hermida ou Touriñán, entre outras e outros, amosando publicamente o seu apoio á comunidade galega na diáspora.
Este é o segundo ano no que REGA-UK organiza na cidade do Támese un evento no que se mesturan manifestacións culturais diversas, como a literatura, a música, o cine ou a gastronomía. Igual ca na edición anterior, a actividade conta coa colaboración doutras organizacións socioculturais galegas da capital británica, como a Asociación A Caramiña, Galegos Morriñentos, Galego en Londres, Galician Film Forum e Troula.
Están previstas cinco horas de actividades nas que haberá tempo para o concerto do grupo Zeltia, a intervención do escritor Isaac Xubín, que brindará un recital poético e presentará a súa última novela, a proxección da curta Filomena de Fon Cortizo, foliada, obradoiros, xogos interxeracionais, actividades para nenos e “moito máis”, segundo informan dende REGA-UK, engadindo que o epicentro festeiro será The YAA Centre (1 Chippenham Mews, Londres, W9 2AN) de 13 a 19 horas.
A festa terá vertente (e reflexo) dixital na dita rede YouTube e máis na páxina web da asociación, no Facebook e no Twitter.

PUBLICIDADE