As redes de última xeración chegarán en 2017 a sete polígonos de Lugo

martes, 28 de marzo do 2017 Redacción

Segue adiante a rolda de presentacións das actuacións previstas este ano para equipar con redes ultrarrápidas os polígonos industriais da nosa terra que non contan con accesos acaidos ás novas necesidades de comunicación e promoción das nosas empresas. Se os días pasados falamos dos fornecementos programados para as provincias de Pontevedra (con 11 polígonos a equipar este ano) e A Coruña (con 10 complexos industriais no punto de mira deste 2017), hoxe puidemos saber detalles concretos do roteiro preparado para Lugo: un roteiro de despregues de fibra óptica até o fogar (tecnoloxía FTTH) que abranguerá 7 enclaves empresariais.
As actuacións, igual que nas restantes provinciais, desenvolveranse ao abeiro do Plan de Banda Larga da Xunta. Os detalles foron dados a coñecer hoxe pola directora de AMTEGA, Mar Pereira, o director xeral de R, Alfredo Ramos, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro. A empresa encargada do traballos, a operadora de raizame galega R, fixo saber que os sete polígonos de Lugo nos que se actuará ao longo de 2017 contarán, ao remate do mesmo, con velocidades de até 350 Mpbs de baixada e 35 de suba, ao que cómpre engadir unha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
Na presentación tamén se informou de que as actuacións do Plan comezaron en 2016 e xa hai 1 polígono da provincia que dispón deste servizo, que continuará estendéndose a outros 7 en 2018. “Unha vez completado o Plan, o 85% das superficies empresariais ocupadas da provincia terán acceso a redes de máis de 100 Mbps”, explicaron, ao que Mar Pereira engadiu que a axencia que representa, AMTEGA, vén de abrir unha convocatoria de axudas para dotar de redes ultrarrápidas a empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural.
Igualmente, no acto perante os medios a compañía R recordou que con estes despregues e os servizos engadidos que achegan ponse a disposición das empresas dos polígonos “a tecnoloxía precisa para acometer a súa transformación dixital”. Ou sexa, servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explicou a compañía de raizame galega, “son posíbeis grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
AMTEGA recordou que ao abeiro do dito Plan, en 2016, completouse o despregue en 17 polígonos en toda Galicia, estando previsto cubrir este ano outros 30 e en 2018 os 34 restantes. “Deste xeito”, engadiu Pereira, “no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs”.
Tamén fixo fincapé en que para aquelas empresas que estean fóra dos recintos fabrís ou en zonas illadas, o Plan de Banda Larga tamén abrangue unha convocatoria de axudas para subvencionar até nun 100% os custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida as devanditas empresas afastadas, até un máximo de 20.000 euros por beneficiario.

PUBLICIDADE