As primeiras entregas de Devil May Cry poderían chegar en breve en alta definición

mércores, 7 de setembro do 2011 Marcus Fernández

No mes de xuño na tenda española en liña XtraLife.es apareceu para a súa reserva un produto baixo o nome Devil May Cry HD Collection, que sairía o 30 de novembro e que sería unha adaptación das 3 primeiras entregas de Devil May Cry que saíran no seu día para a PlayStation 2 actualizando os seus gráficos á alta definición da PlayStation 3, o que sería unha excelente celebración do 10º aniversario da saga; e agora son os panelistas de ESRB os que parecen confirmar tal información ao actualizar as fichas de Devil May Cry, Devil May Cry 2 e Devil May Cry 3: Dante’s Awakening, engadindo entre as plataformas nas que estará dispoñible tanto PS3 como Xbox 360.
O remake en alta definición da saga de Devil May Cry antes do lanzamento do seu reboot (que vai mudar considerablemente a aparencia do seu protagonista) parece escrito en pedra, polo que agora haberá que agardar ao Tokyo Game Show para ver se confirman que, aparte de para PlayStation 3, os xogos tamén contarán con versión para Xbox 360.

Anuncio que anticipaba o lanzamento de Devil May Cry HD Collection

PUBLICIDADE