As potencialidades das tecnoloxías para o deporte, ao detalle en Santiago da man de R e Cinfo

venres, 15 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

O vindeiro 21 de marzo, no AC Palacio do Carme de Santiago, vaise celebrar unha xornada as cousas que poden facer os máis avanzados desenvolvementos dixitais para impulsar o deporte en todas as súas facetas: a práctica en si mesma de actividades, a busca de novos xeitos de chegar ao público, a transformación tecnolóxica dos equipos, dos clubs e das entidades deportivas, etc. A xornada Tecnoloxía e Deporte vén da man das empresas galegas R e Cinfo, contando co impulso da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta.
Respecto do programa, as accións darán comezo ás 9.30, coa benvida aos participantes a cargo de Alfredo Ramos, director xeral de R. A continuación será a quenda de Iván Clavel, xerente da Fundación Deporte Galego, que presentará a xornada, para dar paso a Antonio Rodríguez del Corral, director executivo (CEO) de Cinfo, que falará sobre a realización automática de eventos deportivos. Logo, sobre as 10.10, será a quenda de Gabriel Barros, responsábel de Marketing do Real Club Deportivo da Coruña, que abordará a transformación dixital aplicada ao fútbol, dando paso (arredor das 10.20) a Alberto Díaz, responsábel de Transformación Dixital de R, que fará un repaso polas claves para facer impulsar a evolución dun club deportivo.
A xornada completarase ás 10.30 horas cunha mesa profesional sobre dereitos audiovisuais do deporte non maioritario, no que participarán presidentes federativos e expertos en televisión debatendo sobre as posibilidades de emisións deportivas para seareiros e como explotar e visualizar deportes minoritarios a través dos novos modelos televisivos de Internet. Participan nesta mesa José Pereira Fariña, director de Innovación e Negocio da CRTVG, Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol, María Iglesas, responsábel de comunicación da Federación Galega de Baloncesto, Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, José Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo, e Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo.
Logo do almorzo de networking previsto para as 11.00 horas, Monbus Obradoiro desenvolverá un obradoiro-demostración sobre ferramentas de análise deportiva. De seguido celebrarase outra mesa profesional, desta volta sobre tecnoloxías emerxentes aplicadas ao deporte. Participan Santiago Rodríguez, directivo do Instituto Tecnolóxico de Galicia, Pablo Pintos, promotor deportivo da Federación Nacional de Luchas Olímpicas, Pedro Pernas, secretario de Praíña Sporting Club (Sigue tu Liga), e Carlos Rivas, doutor e investigador do Grupo GIST da Universidade de Vigo.
Os relatorios retomaranse arredor das 12.10 horas da man de Leonor Gallardo, que falará de xestión e liderado deportivo. Rematará a xornada José Ramón Lete, secretario xeral de Deporte, quen ofrecerá a súa visión sobre as posibilidades das tecnoloxías para as prácticas deportivas.

PUBLICIDADE