As potencialidades da nosa identidade dixital como reclamo laboral, ao detalle este sábado da man de AMTEGA

xoves, 13 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), por medio do seu Programa de Voluntariado Dixital e en colaboración con Cruz Vermella de Galicia, celebra este sábado 15 de decembro unha xornada sobre a potencialidade das comunidades e ferramentas dixitais de nova pegada para atoparmos un posto de traballo, facéndose fincapé nas metodoloxías máis axeitadas para procuralo. A xornada, titulada Identidade dixital e busca de emprego 2.0, celébrase entre as 11.45 e 15 horas do sábado, no salón 103 da Cidade da Cultura, na sede da AMTEGA. Diríxese a calquera persoa con interese no fenómeno dixital que estamos a vivir, máis polo miúdo nas capacidades do mesmo no proceso de demanda e oferta de emprego en webs e, sobre todo, en redes sociais.
A xuízo de AMTEGA, “a información que se comparte nunha rede profesional non decide unha contratación, pero si que supón un importante escaparate para empresas e captadores de profesionais de cara a unha primeira toma de contacto co perfil do candidato”. A día de hoxe, incide a Axencia, a nosa pegada dixital, a parte de nós que deixamos no plano virtual, 2.0, é en boa medida un axeitado currículo para os novos tempos que corren e que virán. Estes serán os temas principais a tratar da xornada:
· A importancia das redes sociais no mercado de traballo e o impacto da web 2.0 no mercado laboral.
· A importancia de como construír unha boa identidade dixital para a busca de emprego.
Programa de actividades
11:45 h.
Presentación
Mar Pereira, Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia AMTEGA
Ovidio Rodeiro Tato, Director Xeral de Xuventude e Voluntariado
Carmen Colmeiro Rojo, Presidenta Autonómica de Cruz Vermella en Galicia
12.00 h.
Relatorio de experiencias de identidade dixital e busca de emprego 2.0
INFOJOBS
R CABLE E TELECOMUNICACIÓNS
LABORAL NEWS
EGA CONSULTORES
14:30 h.
Debate
15:00 h.
Peche da xornada

PUBLICIDADE