As posibilidades de WhatsApp para a venda de produtos de mar, ao detalle en Marín, Bueu, Portonovo e Pontevedra

venres, 16 de outubro do 2020 S. P.

O GALP Ría de Pontevedra (Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra) vai organizar unha actividade formativa para incrementar a capacitación tecnolóxica das empresas, as persoas autónomas e as e os profesionais do sector pesqueiro. Trátase do curso WhatsApp Márketing para a venda de produtos e servizos nas prazas de abastos que se vai desenvolver nas localidades de Marín, Bueu, Portonovo e Pontevedra. O obxectivo é achegar aos participantes estratexias para usar esta rede social como ferramenta de mercadotecnia, promoción, comunicación e vendas. Inclúe formación teórica e práctica.
O curso ten unha duración de dúas horas e realizarase en Marín, Bueu, Pontevedra e Portonovo. O luns, 19 de outubro, terán lugar dúas sesións, unha ás 17.00 horas na Biblioteca Municipal de Marín e outras ás 19.30 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar de Bueu. O luns, 26 de outubro, a formación impartirase na Lonxa de Portonovo ás 17.00 horas e a última sesión será o luns, 2 de novembro, ás 16.30 horas na Asociación de Autónomos e Pequenas empresas de Galicia en Pontevedra.
A actividade formativa será impartida polo asesor e formador en técnicas de mercadotecnia e tecnoloxía aplicada a empresas, Alberto Falcón. O docente conta con máis de 18 anos de experiencia en proxectos tecnolóxicos para empresas como KPMG, Tecnocom, Velneo ou PwC. Actualmente é director de Marketing de LEMA e docente homologado pola Escola de Organización Industrial (EOI). A actividade tamén contará coa presenza de La Pescadería de mi Barrio que explicará a súa experiencia e o resultado do seu éxito. A reserva de prazas pódese facer chamando ao 604 022 612 ou enviando un correo electrónico a elpescadoartesanal@gmail.com.
Esta actividade está financiada pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca como actividade de dinamización do GALP Ría de Pontevedra.

PUBLICIDADE