As posibilidades das TIC para a nosa economía social, ao detalle o 7 de novembro na Coruña

xoves, 31 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

A Unión de Cooperativas Galegas Espazo Coop organiza a vindeira semana, o 7 de novembro, un encontro sobre as posibilidades das máis novas ferramentas para fortalecer a viabilidade, a visibilidade e a rendibilidade dos nosos proxectos solidarios de mercado. Trátase dun seminario que xirará arredor da presentación da Axenda para o fomento e a creación de empresas de Economía Social no sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación na Eurorrexión. Será a partir das 11.00 horas no Mercado de San Agustín da Coruña.
O documento, elaborado por Espazo Coop no marco do proxecto europeo LACES, recolle un plan estratéxico para impulsar a creación e o fortalecemento de empresas na contorna galego-portuguesa (en ámbalas beiras da raia) ao abeiro dun sector no que, segundo informa a unión de cooperativas, “a economía social non está representada como debera”. A partir dunha diagnose do panorama empresarial nas dúas beiras do Miño, a axenda propón “distintos mecanismos destinados a identificar oportunidades de negocio asociadas ás TIC e a Industria 4.0 e a impulsar a modernización e competitividade das empresas galegas e portuguesas do sector”.
A presentación, que se realizará no marco da programación da Mostra de Iniciativas de Economía Social Pop-up, comezará ás 11:00 horas coa benvida e presentación do Proxecto LACES por parte de representantes da Subdirección Xeral de Economía Social da Xunta de Galicia, Espazocoop, a Universidade Trás-Os-Montes e Alto Douro (UTAD) e o Centro de Incubação de Base Tecnológica do Minho (In.Cubo). Seguidamente, ás 11:15h. a presidenta de Espazocoop, Ana Olveira, realizará a presentación dos contidos da Axenda do Sector TIC. De seguido celebraranse as exposicións da Axenda para o fomento e a creación de empresas de Economía Social no sector do Turismo e da Axenda para o fomento e a creación de empresas de Economía Social no sector dos Servizos Sociais, con Patricia António, da UTAD; e Fernando Cabodeira, consultor de In.Cubo, respectivamente.
Finalmente, ás 12:45h arrancará a mesa sectorial de experiencias de economía social Outros modos de facer economía, na que participarán Asier Epelde, de Ítaca Software Libre S. Coop. Galega, por parte do sector das TIC; Xerardo Pereiro, do proxecto GeoArpad, en representación do sector turístico; e Antía Pousa, de Xeracción S. Coop. Galega, entidade do sector dos servizos sociais. Ao final das intervencións, abrirase un pequeno coloquio coas persoas asistentes á palestra coa que se pechará a xornada.
Para a participación no seminario, que é de balde, é preciso inscribirse previamente no formulario habilitado en liña.

PUBLICIDADE