As persoas maiores poderanse formar nas TIC na Pobra

xoves, 6 de outubro do 2022 S. P.

A adquisición de competencias dixitais é o eixe central dunha nova iniciativa destinada á cidadanía maior de 65 anos que se desenvolverá na Pobra do Caramiñal da man da Fundación Amigos de Galicia coa colaboración da Concellaría dos Servizos Sociais.
A edil Amparo Cerecedo (BNG) explicou que un dos contidos do programa Nos@s maiores, mellor acompañad@s céntrase nunhas xornadas formativas teórico-prácticas sobre o uso das TIC: máquina de quenda de concellos e centros de saúde, caixeiro automático, teléfono móbil ou aplicación móbil do SERGAS. Xunto coa orientadora laboral do Concello, Blanca Álvarez, a titular da área dos Servizos Sociais manifesta que a finalidade desta actividade radica en que os/as maiores aprendan sobre procesos telemáticos básicos e acadar axilidade na realización de trámites.
As aulas impartiranse no 28 de outubro, así como no 4 e no 11 de novembro, en horario de 10.00 a 12.30 horas. O espazo dependerá do número de participantes e da súa zona de residencia para achegar a formación a edificios de titularidade municipal distribuídos polo concello.
O prazo de inscrición permanecerá aberto do día 6 ao 21, ambos inclusive, para a cal cómpre presentar unha solicitude no rexistro do Concello. Máis información no teléfono de contacto 981832764.

PUBLICIDADE