As novas facianas tecnolóxicas do turismo, ao detalle nunhas xornadas da Deputación de Lugo

luns, 24 de agosto do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo mantén aberta a inscrición para participarmos nas Xornadas de Introdución á Creación de Experiencias de Ocio e Turismo, uns encontros destinados a compartir coñecementos e recursos sobre como afrontar os grandes desafíos de transformación que afronta o turismo nun contexto, o actual, marcado por unha banda polas esixencias da seguridade sanitaria, e, pola outra, por unha actividade tecnolóxico-dixital que non para de medrar. Estes encontros insírense na primeira edición do Congreso de Turismo Experiencial que se celebra en Lugo no mes de setembro e co que colabora a Deputación. A inscrición pode facer na web específica das xornadas.
O aforo está limitado a uns 15 participantes por xornada de acordo aos protocolos e recomendacións sanitarias establecidos pola COVID-19.
As xornadas desenvolveranse o vindeiro martes nas dependencias dos Servizos Audiovisuais da Deputación e haberá unha sesión en horario de mañá e outra de tarde. A entidade provincial lembra que no seu transcurso abordaranse aspectos vencellados co turismo de experiencias: “Os profesionais que acudan recibirán asesoramento para mellorar a súa actividade e poñer á súa disposición ferramentas para deseñar, crear e comercializar as súas experiencias”. Ademais, presentaranse as novas canles de comercialización e promoción dos destinos.
A deputada de Promoción de Territorio e Turismo Pilar García Porto convidou ás persoas que se adican ao sector turístico na provincia, e tamén a aquelas que desenvolven unha actividade que pode ser obxecto dunha experiencia turística, a que se inscriban nestes encontros, que achegarán sesións abertas para fomentar a participación e “xerar un ecosistema colaborativo na nosa provincia”, sinalou, engadindo que “enn Lugo contamos cun grande abano de recursos turísticos para crear experiencias diferentes e atraer visitantes e é agora neste novo escenario post-COVID onde temos que ver o noso territorio como unha oportunidade e espremer ao máximo as súas características que hoxe son tan demandadas: pouca masificación, natureza, e amplos espazos abertos”.

PUBLICIDADE