As nosas universidades reciben 10 millóns para dar un novo chimpo en dixitalización

martes, 19 de xaneiro do 2021 Redacción

O Sistema Universitario Galego (UDC, USC e UVigo) vai recibir 10 millóns de euros da Xunta para iniciativas de innovación e dixitalización das súas infraestruturas e servizos. Así o fixeron saber esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e máis os reitores da USC, Antonio López; da UDC, Julio Abalde, e da UVigo, Manuel Reigosa, que participaron nunha xuntanza de traballo.
Tamén informaron novamente do criterio de reparto dos fondos, que se establece en base ao peso dos créditos de matrícula auditados para cada unha das universidades no período 2019-21. Deste xeito, a USC, cunha porcentaxe de crédito do 40,4% sobre o total, recibirá 4,04 millóns de euros, mentres que á UVigo lle corresponden 3,16 millóns de euros (31,6% dos créditos) e á UDC 2,8 millóns (28% dos créditos).
A Universidade da Coruña fixo saber que centrará as súas melloras na área de dixitalización (sistemas de vídeo-conferencia, accesos remotos, ciberseguridade) potenciando a conectividade e compatibilizando a docencia presencial e non presencial; a renovación tecnolóxica dos servizos centrais e o equipamento informático dos centros docentes e a potenciación da Administración Electrónica.
Así mesmo, entre as súas propostas está a de incidir na formación do persoal en competencias dixitais e recursos electrónicos.
Segundo manifestou o reitor, Julio Abalde, ao remate da reunión, este fondo adicional cubrirá o investimento de proxectos que axudarán a que “a UDC sexa unha universidade presencial pero moderna”.
Abalde agradeceu este financiamento que vén a reafirmar a liña de traballo de actualización metodolóxica e informática emprendida pola Universidade da Coruña hai uns anos e que foi a que lle permitiu que no confinamento se puidese pasar dunha docencia presencial a outra telemática en apenas uns días.
Pola súa banda, a Universidade de Santiago de Compostela centrará o investimento na adecuación das infraestruturas aos cambios dixitais, o que abrangue a nova Facultade de Medicina e a licitación do proxecto básico do edificio de Ciencias da Saúde. Así mesmo, dará un impulso á Administración Electrónica mediante a dixitalización de expedientes administrativos.
No que respecta á Universidade de Vigo, aposta pola implantación dun sistema de Administración Electrónica integral da universidade, a renovación tecnolóxica de infraestruturas e a internacionalización dixital impulsando a captación de alumnos en remoto no estranxeiro.

PUBLICIDADE