As nosas universidades conmemoran con xuntanzas virtuais e charlas de divulgación o Día das Mulleres e Nenas na Ciencia

venres, 9 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

O 11 de febreiro conmemórase un festexo mundial de especial significado, o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, unha celebración relevante por dous grandes motivos: en parte porque implica defender o coñecemento igualitario e a equidade nas oportunidades, en parte porque leva implícito a arela de conseguir mellor ciencia, mellor tecnoloxía e, polo tanto, un mundo mellor para todas e todos (o coñecemento e a investigación precisan das mulleres para acadar as pólas máis altas da excelencia e a solidariedade). Entre as entidades galegas que están a pechar fileiras arredor deste evento están a Universidade de Santiago, que prepara (entre outras cousas) unha Editatona, e máis a Universidade da Coruña, que ten un amplo programa de relatorios de divulgación e e de reivindicación da muller desenvolvedora de ciencia e tecnoloxías.
A primeira das accións programadas pola USC busca recuperar as científicas pioneiras que se formaron nas aulas e laboratorios das facultades de ciencias experimentais dos campus composteláns e recoñece o seu empeño “por seguir a súa vocación científica”. Deste xeito, no marco dun acordo co Concello compostelán, durante este mes e o seguinte os institutos de educación secundaria da cidade acollerán a exposición Mulleres no laboratorio: as primeiras científicas da USC elaborada pola investigadora da USC Xoana Pintos Barral.
Tamén conmemorando o día marcado polas Nacións Unidas, o ciclo Reactiva a túa Química, que organiza regularmente a Facultade de Química, adica a esta temática a súa sesión do vindeiro mércores 14. Será a doutora en Historia das Ciencias e das Técnicas pola USC Xoana Pintos, autora do traballo As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960, a encargada de pronunciar a conferencia, que leva por título Non só Marie Curie. Será ás 13.00 horas na Aula Magna do centro.
Ademais, a Oficina de Igualdade de Xénero e a Biblioteca Universitaria da USC teñen previsto para o 20 de febreiro a Editatona Investigadoras na USC: as pioneiras. Esta actividade, coa que colaboran Galipedia e a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-Gal), consiste nunha reunión virtual para editar e mellorar colectivamente os contidos dunha Wikipedia sobre un tema ou unha serie de artigos relacionados con el, neste caso as mulleres na ciencia, biografías de científicas e as súas achegas. A editatona celebrarase o 20 de febreiro de 2018 de 9 a 14 horas na Biblioteca Concepción Arenal.
Universidade da Coruña
Pola que respecta ás contribucións da Universidade da Coruña comezarán mañá, sábado, os actos de celebración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia. Así, a Oficina para a Igualdade de Xénero e a Unidade de Divulgación Científica e Cultural organizan dous ciclos de microcharlas, un en Ferrol e outro na Coruña, coa finalidade de visualizar a vida e as achegas de mulleres destacadas na ciencia e na tecnoloxía, incluídas as achegas a prol do progreso das ferramentas dixitais e da información.
O 10 de febreiro, na Libraría Lea de Ferrol, de 12.00 a 13 horas, falarán Ana Tarrío Tobar e María José Souto Salorio (María Wonenburguer, matemática galega e universal ), Sara Fernández Basanta e Carla Freijomil Vázquez (co relatorio Florence Nightingale, a dama da lámpada) e María Carreiro Otero (coa conferencia Milagros Rey Hombre, unha arquitecta pioneira). O 12 de febreiro, a Domus da Coruña acollerá, a partir das 19.00 horas, a primeira edición das Xornadas de Neurocientíficas, organizada polo grupo de investigación Neurocom, e as facultades de Ciencias da Saúde e Fisioterapia da UDC. Participan Mónica Folgueira (Avances e retos da neuroanatomía no século XXI), Rosa Señarís (O teu cerebro, o teu metabolismo) e María del Mar Castellanos (Muller, cerebro, ciencia e o meu gran de area). Culminará a xornada cunha esa redonda, As mulleres na ciencia, moderada por Fernanda Tabarés e coa participación de Carme Adán.
O 16 de febreiro, no espazo Normal, de 19.00 a 21.00 horas, falarán Ana M. González Tizón (Nettie Stevens, seguindo o seu propio camiño), Érika García Cardesín (Mary Anning, as pegadas da vida), Laura Pita García (Bárbara Mcclintock e os xenes saltaricos), Carolina Núñez Puente (Charlotte Perkins Gilman, unha escritora feminista na época vitoriana) e Nieves Rodríguez Brisaboa (Informática, sociedade e mulleres).

PUBLICIDADE