As nosas universidades amplían coas TIC avanzadas a súa oferta de mestrados

venres, 17 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Vista do Campus de Pontevedra e das súas facultades

Os nosos estudantes terán este ano máis opcións formativo-tecnolóxicas para especializárense. E algunhas delas estreitamente relacionadas cos contidos e ferramentas dixitais, máis polo miúdo cos videoxogos, os medios sociais ou a ciberseguridade. A oferta complétase cun achegamento directo ao cálculo avanzado, por parte da Universidade da Coruña e a de Santiago.
En total, neste curso que xa estamos preto de comezar, o ano académico 2018-2019, as universidades galegas van estrear un total de catorce másteres, dous deles oficializados onte no Diario Oficial de Galicia e algúns poñendo en xogo o impulso conxunto das tres universidades galegas, a USC, a UDC e a UVigo. Na oferta de formación inclúense contribucións formativas que, como dixemos, cóllennos de preto: Computación de Altas Prestacións (UDC-USC), Ciberseguridade (UVigo-UDC), Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos (UDC) ou Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais (UVigo).
Entre os novos mestrados tamén se inclúen o de Investigación e Innovación en Didáctica para Educación Infantil e Primaria, e máis Biodiversidade Terrestre, Economía e Xeoinformática, que implican ás tres universidades. Outra das novidades é o de Xenómica e Xenética, da USC-UVigo, e máis o de Enerxías Renovábeis, da USC.

PUBLICIDADE