As nosas tres universidades celebran este venres a Noite Galega das Persoas Investigadoras

xoves, 23 de setembro do 2021 S. P.

As nosas universidades celebran este venres a edición galega da Noite Europea das Persoas Investigadoras, que se conmemora o 24 deste mes nunhas 4.000 cidades europeas, acollendo de xeito simultáneo diversos actos e eventos organizados para difundir a ciencia e a tecnoloxía fóra dos seus ámbitos habituais. Trátase dunha iniciativa con dez anos de traxectoria e que chega por primeira vez á Galicia, coa Noite Galega das Persoas Investigadoras. Pola nosa terra, sumáronse as Universidades de Coruña (UDC) Santiago (USC) e Vigo (UVigo, coordinadora do evento). Xuntas organizarán de xeito conxunto diversas actividades nas sete cidades de Galicia, abertas ao público en xeral, co lema de G-Night.
No caso da UDC, os campus de Coruña e Ferrol acollerán actividades en horario de mañá, tarde e noite, abertas ao público en xeral. Na Coruña haberá visitas guiadas aos centros de investigación da Universidade, CITEEC e CITIC. Tamén haberá visitas guiadas ao MUNCYT, así como obradoiros e debates sobre as vacinas. No Acuario, o CICA organiza diversos obradoiros sobre algas mariñas e o problema dos microplásticos. O CICA organiza tamén o concurso de fotografía dixital Green Contrasts. Na Domus, desenvolveranse charlas científicas e obradoiros. Tamén está previsto que haxa actividades en distintos centros de secundaria da cidade con obradoiros de enerxía eólica, bioloxía ou química. Finalmente, no bar La Consentida haberá charlas sobre ecoloxía.
En Ferrol, o CIT acollerá varios obradoiros de diversas temáticas como robótica, Realidade Aumentada ou tecnoloxía láser, entre outras. Tamén está previsto realizar unha visita guiada á lagoa de Doniños. Todas as actividades son gratuítas, previa inscrición.
No que atinxe á UVigo, a axenda comezará con actividades en centros escolares, pero a parte central do evento desenvolverase pola tarde-noite en diferentes localizacións. No que se refire a Vigo, na praza do Berbés instalarase unha feira científica que se poderá visitar de 18 a 21 horas con 12 postos sobre temáticas variadas, como ciencia mariña, enxeñaría, xenética, termografía ou o monopraza de UVigo Motorsport. Ademais, no edificio Redeiras, a sede institucional da UVigo na cidade, instalarase unha exposición sobre investigación e divulgación científica en galego e ás 19.00 horas comezará un ciclo de relatorios sobre temas como quecemento global, lingüística ou minerais. De xeito paralelo, tamén haberá unha mostra de graffiti en vivo nesa mesma contorna.
Outras das localizacións da G-Night en Vigo serán o Museo Marco, no que dende as 17.30 h haberá un Escape Room e charlas e obradoiros organizados por CEMMA e o Instituto de Investigacións Mariñas, a proxección do documental A muller Romana en Gallaecia e o espectáculo Luthieria electrónica e experimental.
Tamén haberá actividades no campus, concretamente na Biblioteca Central, onde se desenvolverán obradoiros e exposicións arredor da observación astronómica, que culminarán coa actuación do grupo Tinta. Outro dos piares desta iniciativa é a Ciencia no bar, unha proposta que levará a divulgación científica a diversos locais de hostalaría, en concreto no caso de Vigo, no Vitruvia Café, con tres sesións sobre street art, alimentación ou o dieselgate. Finalmente, a programación complétase con paseos científicos pola ría que sairán do Porto de Vigo.
No que se refire a Ourense, no campus a partir das 18.00 h haberá un paseo científico centrado no ecosistema Campus da Auga e en El Pueblo Café Bar dúas sesións de Ciencia no bar. En Pontevedra terán lugar tamén actividades matinais en centros escolares e, pola tarde, Ciencia no bar en La Gramola e un paseo científico no Parque das Palmeiras.
Xa no caso da USC, as accións concentraranse o 24 de setembro de 18.00 a 21.30 horas no xardín do Colexio de Fonseca de Santiago, así como de 18.00 a 22.00 horas no Vello Cárcere de Lugo. Na zona central do xardín de Fonseca, situarase o Espazo Ágora no que, con capacidade para vinte persoas, desenvolverase o espectáculo Ciencia Máis.
Amais, os centros singulares de investigación da USC presentarán asemade a súa actividade no denominado Espazo Experientia.
No caso do Campus de Lugo, a G-Night desenvolverase de 18.00 a 22.00 no Vello Cárcere. Os obradoiros, presentacións e demostracións, organizadas polo grupo XuvenCiencia en colaboración con AgroMar, están dirixidos a público de todas as idades e intereses.

PUBLICIDADE