As mulleres do mar presentan espazo web
martes, 9 de xaneiro do 2018
A asociación
nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca), entidade de presenza
maioritariamente galega, presentou hoxe a súa páxina web,
dispoñíbel en anmupesca.org.
Na cita fíxose saber que se trata dunha ferramenta de primeira orde
para facer visíbel o importante labor das traballadoras do mar,
procurando a defensa da profesión e, en última instancia, de todo o
colectivo de mulleres galego e estatal. Na rolda de prensa
participaron a presidenta de Anmupesca, Rita Míguez, e máis a
conselleira do Mar, Rosa Quintana, que coincidiron en salientar os
avances dados pola asociación dende a súa posta en marcha en 2016,
xuntando case dúas ducias de entidades de toda España e,
individualmente, máis de 15.000 asociadas.
Segundo fixo saber
Quintana, este novo “espazo de encontro dixital” servirá como
“ferramenta para aglutinar todo o saber facer das mulleres que
forman parte desta asociación, o que contribuirá ao seu
empoderamento”.
No acto tamén
lembraron que a entidade dá acubillo a colectivos de armadoras,
redeiras e mariscadoras, entre outros perfís femininos de
profesionais do sector marítimo.
Rita Míguez, pola súa
banda, fixo un percorrido polos detalles da páxina web da
asociación, habilitada para fornecer “un instrumento áxil, útil
e dinámico” e co obxectivo de fortalecer as comunicacións
internas entre as integrantes da entidade e, tamén, da entidade cara
o resto da cidadanía. De maneira parella, tentarase facer fincapé
no importante compoñente feminino da profesión pesqueira.
Máis datos sobre a
asociación
A
Asociación Nacional de Mulleres da Pesca
naceu co obxectivo de dar visibilidade ao labor diario das mulleres
do mar e incrementar a conciencia social sobre a importancia da súa
contribución ao sector. Ademais busca impulsar o seu liderado e
participar de xeito activo nos órganos representativos decisorios e
consultivos do tecido
produtivo ligado ao mar.
A
creación desta asociación concíbese tendo en conta que o programa
operativo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) contempla o
apoio ao asociacionismo feminino e a creación dunha organización de
mulleres profesionais do mar de carácter nacional que favoreza a súa
representatividade.