As galegas Xoia Software e Hustlers Watches locen innovación na New York Fashion Week

luns, 10 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

As tecnoloxías das empresas galegas tamén foron presentadas os días pasados en Hong Kong

A semana da moda de Nova York, que comeza hoxe, conta por vez primeira con dúas empresas galegas de pequeno tamaño. Trátase de Xoia Software Development e Hustlers Watches, dúas firmas innovadoras da nosa terra que acoden á devandita feira cos mellores vimbios: por unha banda as súas revolucionarias propostas en reloxería e realidade aumentada e, pola outra, unha experiencia de éxito a semana pasada en extremo oriente, na Hong Kong TDC Watch & Clock, onde deron a coñecer os novos modelos de reloxos de Hustlers Watches e mailas posibilidades da aplicación de realidade aumentada desenvolvida por Xoia Software, integrada cos ditos positivos.
Esta ferramenta de realidade aumentada, en palabras de Xoia, é unha especie de probador dixital adaptábel a calquera tipo de produto e sector e que permite visualizar un produto en tempo real e mesmo velo adaptado ao noso corpo ou desenvolvendo a función para a que foi concibido. Neste caso concreto de integración cos reloxos de Hustlers, a aplicación posibilita ver ao usuario, no seu propio pulso, os diferentes modelos da marca en tres dimensións. Desta maneira, o cliente pode velos e customizalos antes de mercalos. Amais, polo que se refire ao plano máis industrial, Xoia salienta as posibilidades actuais da ferramenta para permitir “unha máis rápida e eficiente comunicación entre os deseñadores do produto e as grandes marcas”.
Volvendo á feira de Nova York, a marca reloxeira galega empregará esta tecnoloxía para mostrar ao público as súas novas coleccións, así como as doutras marcas que comezaron a desenvolver en colaboración con dúas grandes compañías de moda americanas.
Como dixemos, Nova York non será o único lugar onde as dúas empresas galegas se presenten a nivel internacional. A pasada semana a aplicación de realidade aumentada desenvolvida por Xoia foi dada a coñecer por primeira vez no mercado chinés, coa participación dos impulsores de Hustlers Watches na HKTDC Watch & Clock, a feira de reloxaría máis importante de Asia e, xunto coa de Las Vegas e a de Basilea, unha das principais a nivel mundial. En palabras das dúas firmas galegas, a acollida da ferramenta no mercado chinés resultou ser “un éxito de precedentes” e unha experiencia “excelente”, amais “dunha nova mostra do enorme potencial da innovación tecnolóxica e a moda galegas”.

PUBLICIDADE