As galegas CTV, Intereuropa TV e Spica participan na gran feira dos contidos dixitais: a IBC

luns, 10 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana, do 14 ao 18 de setembro, celébrase en Amsterdam a feira IBC, o gran evento internacional en tecnoloxías da telecomunicación e transmisión de contidos. Nela, como sinalamos os días pasados, haberá presenza de empresas galegas TIC, por exemplo a de EGATEL, que contará con stand de seu na caseta 8.B67 e mostrará as súas novas series compactas de transmisores e máis de reemisores. Porén, a presenza galega tamén é extensíbel ao sector audiovisual da nosa terra. Así nolo confirmou hoxe o Clúster Audiovisual Galego, que confirma a participación no encontro europeo das compañías CTV, Intereuropa TV e Spica.
Segundo informa a plataforma empresarial galega, a presenza desta delegación do Clúster na IBC permitiralles ás empresas crear novas oportunidades de negocio e coñecer de primeira man as tendencias e innovacións no eido dos medios electrónicos. O obxectivo, polo tanto, é promover a internacionalización do audiovisual da nosa terra. A estadía na IBC insírese no Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, que ten o apoio financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Xunta de Galicia e a Unión Europea.
A feira
O multitudinario encontro International Broadcasting Convention (IBC), con sede no RAI Convention Center, é gran feira europea de telecomunicacións e audiovisual, na que adoitan participar arredor de 50.000 profesionais procedentes de todos os recantos do mundo (o máis salientábel do panorama actual da creación, xestión e fornecemento de lecer e contidos dixitais), e na que non falta presenza galega en ningunha das súas edicións.
Durante cinco días, Ámsterdam recibe ás empresas que lideran os segmentos de radiodifusión, audio, multimedia, comunicacións por satélite, servidores, Internet, webcasting, radio, televisión e vídeo.
Neste 2018 prevese que participen máis de 55.000 profesionais de 170 países que traballan na creación, xestión e prestación dos medios de comunicación electrónicos e de contido de lecer en todo o mundo.
A zona de exhibición da feira IBC ocupa quince salas do RAI Convention Center e acubilla máis de 1.700 expositores. Segundo informa o Clúster, o evento brinda “unha plataforma acaida para que os profesionais alí congregados poidan establecer relacións con provedores e clientes, descubrir as últimas tendencias e tecnoloxías e impulsar as súas innovacións e estratexia”.

PUBLICIDADE