As galegas Aleutos e iForest, premiadas polo sector asturiano da madeira

venres, 12 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

As empresas galegas Aleutos e iForest, con sedes de seu no Viveiro de Empresas de Lugo e máis na Tecnópole de Ourense, respectivamente, veñen de obter importantes recoñecementos ao seu labor de innovación tecnolóxica no sector forestal. Máis en detalle, iForest recibiu o segundo premio do concurso Startup4Wood, que lle foi concedido pola pola súa plataforma de dixitalización para a industria forestal e da madeira. Aleutos, pola súa banda, fíxose co primeiro premio coa aplicación SmartWood para a xestión de parcelas. O certame desenvolveuse o mes pasado na feira Asturforesta.
Organizado pola Asociación Asturiana de Empresarios Forestais da Madeira e o Moble (ASMADERA) coa colaboración da Cámara de Comercio de Oviedo e Caixa Rural de Asturias, este torneo de innovación formula cada ano desafíos a emprendedores e empresarios para a industria dos devanditos sectores co obxectivo de desenvolver proxectos, produtos e servizos destinados a mellorar a produtividade das empresas deste importante tecido produtivo.
No que atinxe ao proxecto SmartWood, é unha iniciativa de investigadores da USC (Campus de Lugo) para achegar unha ferramenta dixital que nos axuda a saber que facer con terreos forestais que non están a ser explotados (ou que non teñen o rendemento axeitado). A ferramenta, que xa está a pleno rendemento en www.smartwood.app, é unha aplicación de balde e aberta cuxo software permite localizar as parcelas rurais e a súa optimización, avaliando cal pode ser o mellor destino das mesmas, os traballos precisos, os cultivos máis axeitados e, o máis importante, a quen, como, cando e por canto se poden encargar traballos nelas, sinalan os responsábeis de Aleutos, engadindo que SmartWood vén cunha serie de vantaxes extra: é rápida, permite traballar dende calquera lugar e facelo a través do móbil.
Pola súa banda, as solucións de negocio ofertadas por iForest céntranse na posta en marcha de ferramentas tecnolóxicas que permitan ás empresas mellorar en eficiencia, redeseñar o modelo de negocio e os servizos dispoñíbeis e visualizarse no novo mercado dixital. Isto inclúe un software para a xestión diaria (facturación, presupostos, albarás, tenda virtual, correo electrónico e axenda de contactos), o deseño de webs á medida, a optimización en buscadores, o fornecemento de informes personalizados e maila difusión de contidos. Ademais, a empresa oferta formación, xestión de frotas e medición dixital de troncos.

PUBLICIDADE