As franquías de BioShock e XCOM chegan a un novo Humble Bundle

martes, 8 de xullo do 2014 Marcus Fernández

The Bureau: XCOM Declassified é un dos xogos que poden engadirse á nosa bibliioteca de Steam por só 1 dólar


Aínda que os lotes de xogos coñecidos como Humble Bundle, nos que os compradores elixen a cantidade que desexan pagar por facerse con eles, así como o destino dos cartos (repartidos entre desenvolvedores, entidades benéficas e a organización) tenden a agrupar títulos independentes, de cando en vez sorprenden cunha potente escolma de grandes títulos de estudios de peso, e durante as vindeiras 2 semanas será 2K Games quen permita conseguir unha serie dos seus mellores xogos por menos da décima parte do seu prezo.

O primeiro BioShock pode conseguirse por só 1 dólar

Estes grandes xogos ofrécense en 3 chanzos diferentes en función dos cartos achegados, de xeito que a partir de 1 dólar podemos facernos con BioShock, Darkness II e The Bureau: XCOM Declassified; se pagamos máis da media (uns 6,80 dólares) accederemos a BioShock 2, Mafia II, Spec Ops: The Line e algún título máis que se engadirá nos vindeiros días; e se optamos por superar os 20 dólares completaríamos a colección con dous éxitos relativamente recentes: BioShock Infinite e XCOM: Enemy Unknown.
As entidades que se beneficiarán desta campaña serán Acción Contra a Fame e a Cruz Vermella Americana, sendo previsible que xunten varios millóns de dólares en vista do atractivo destes xogos que ao chegar ao principio do verán poden resultar unha oferta irresistible para usuarios de todo o mundo.


Vídeo promocional do novo Humble Bundle

PUBLICIDADE