As familias da Coruña poderán coñecer a localización dos Reis Magos a través dun mapa interactivo

martes, 5 de xaneiro do 2021 Redacción

Este martes celébrase nos nosos concellos, con todo tipo de medidas de seguridade, a chegada dos Reis Magos. Unha boa parte deles empregarán as novas tecnoloxías e os móbiles da cidadanía para garantir ao máximo o distanciamento e evitar aglomeracións. É o caso do da Coruña, que informará en tempo real da visita dos Reis Magos a todos os barrios da cidade. Esta información poderá consultarse a través da páxina web municipal e a través da conta de Twitter do Concello da Coruña.
A visita dos Reis Magos será en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas e, co fin de evitar aglomeracións e cumprir as medidas anti-COVID, dividirase en tres percorridos que abranguen toda a cidade. A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que o obxectivo desta visita e do servizo tecnolóxico posto en xogo e que “as nenas e os nenos da Coruña poidan desfrutar deste día máxico nos seus propios barrios e incluso desde as ventás das súas casas”. Rey asegurou que se cumprirán todas as medidas anti-COVID, motivo polo que non se darán caramelos, e que se irá retransmitindo a localización das carrozas dos Reis Magos en tempo real nas canles sociais e “a través dun mapa virtual” na web do Concello.

PUBLICIDADE