As estreas cinematográficas adiantan a súa chegada aos fogares

martes, 17 de marzo do 2020 Marcus Fernández

A corentena por mor da COVID-19 está a afectar seriamente a moitas industrias, pero unha na que o impacto é moi especial é a do audiovisual, xa que prodúcese un efecto perverso: existe unha demanda maior de contidos, pero existen serias limitacións na distribución. Temos así que a distribución en soporte físico de filmes e series de televisión ten serios problemas, á vez que as salas de exhibición están pechadas, conxelando o calendario de lanzamentos (e as rodaxes de futuras producións) e levando a que haxa que tomar medidas inéditas, como é a publicación a través de streaming de filmes que aínda están en carteleira e adiantar moitos lanzamentos para satisfacer ao público e paliar a perda de ingresos nas canles tradicionais.
O filme que encabezou esta revolución audiovisual sería Frozen 2, que está a chegar rapidamente ás tendas dixitais e que o pasado domingo incorporouse a Disney+ nos EE.UU., adiantando a súa chegada a este servizo en 3 meses, e outro lanzamento da mesma compañía, Star Wars: El Ascenso de Skywalker, tamén chegou ás plataformas dixitais uns días antes do previsto, buscando así que os seareiros da franquía galáctica puidesen gozar do filme durante a súa reclusión no fogar.
Outros estudios como Universal tamén están a mover ficha, e anuncian que o vindeiro venres permitirán o aluguer dixital de filmes como La Caza (que tiña prevista a súa estrea española para o vindeiro 24 de abril), El hombre invisible (estreada nos cines o pasado 28 de febreiro) e Emma (que tiña previsto chegar a España o 17 de abril), aínda que nestes casos o prezo do aluguer sería superior ao ordinario (o prezo recomendado nos EE.UU. sería de 19,99 dólares).
É especialmente curioso o caso de Trolls 2: Gira Mundial, pois será unha das primeiras películas que se estreará simultaneamente en cines (onde haxa salas abertas) e en aluguer baixo demanda, aínda que sexa nunha situación tan excepcional, o que servirá de campo de probas para ver se no futuro esta fórmula sería válida para novos lanzamentos.
Aves de Presa (y la fantabulosa emancipación de Harley Quinn) será outra película que modifica os seus plans de comercialización, estrándose en dixital o vindeiro día 24, cando aínda está en carteleira en boa parte do mundo, como tamén acontecerá co último traballo de Guy Ritchie, The Gentlemen: Los señores de la mafia, que chegou o día 28 de febreiro aos cines españois, e que o vindeiro 24 iniciaría a súa distribución baixo demanda.
Polo momento este cambio de calendario nos servizos de streaming refírese aos EE.UU., e descoñecemos se en España serán exactamente as mesmas datas, pero parece que esta estratexia vai adoptarse de xeito global, xa que os motivos que levaron a tal decisión son aplicables a case todo o planeta: cos cines pechados o streaming é a única saída factible para que a industria cinematográfica manteña o consumo.

The Gentlemen: Los señores de la mafia é un dos filmes que estando en carteleira chegarán a plataformas de vídeo baixo demanda

PUBLICIDADE