As enxeñarías da UVigo impulsarán a industria do automóbil cun coche virtual

luns, 6 de maio do 2019 Redacción

As escolas de enxeñaría da Universidade de Vigo van impulsar de maneira conxunta a transformación da industria do automóbil. E farano, entre outras cousas, construíndo un coche virtual con vistas a ensaiar o seu comportamento en diferentes circunstancias. A iniciativa, posta en marcha ao abeiro do programa Peer-Learning Experience, financiado por La Fondation Dassault Systèmes, busca crear unha comunidade internacional colaborativa de docentes formados no uso da ferramenta 3Dexperience, organizados en base a un grupo de universidades.
O profesor da Escola de Enxeñería Industrial Jorge Cerqueiro é o coordinador para a Uvigo desta iniciativa de tres anos de duración, que desenvolve a súa primeira fase entre xaneiro e xullo deste ano. O docente subliña que Vigo “é a única universidade galega na que se puxo en marcha un proxecto tan ambicioso que, máis aló da utilización do software 3Dexperience, diríxese a formar o alumnado, o persoal docente e as e os profesionais nas ferramentas que levarán a cabo a transición das empresas actuais cara a Industria do Futuro (Industry of the Future, IoF)”.
Xunto coa UVigo, no programa Peer-Learning Experience participan as universidades Politécnica de Madrid, Cantabria, Sevilla, Valencia, León e Mondragón, cada unha delas con proxectos sobre diferentes temáticas, como a fabricación intelixente, a fabricación aeronáutica, a simulación ou a enxeñaría de sistemas, entre outras.
No caso de Vigo, o proxecto centrarase no eido do motor e orientarase ao desenvolvemento intelixente mediante as técnicas colaborativas de deseño en 3D e da enxeñaría de sistemas de produtos que integran unha manchea de tecnoloxías (mecánica, electricidade, electrónica ou automática). Como dixemos, un dos alicerces da iniciativa é o uso conxunto do software 3Dexperience, que no caso concreto da UVigo servirá para construír modelos denominados “xemelgos dixitais”, que permitirán ensaiar o seu comportamento “en distintas situacións e circunstancias de funcionamento”. Os resultados destas simulacións poderanse comparar cos dos ensaios reais para afinar as súas variábeis. Desta maneira, as respostas serán “representativas” das do produto real, eliminando os tempos e custes derivados da elaboración de prototipos físicos para realizar ensaios de funcionamento.
Nos primeiros treitos do proxecto construiranse prototipos dixitais de produtos e sistemas automatizados do automóbil sinxelos, avanzando na complexidade nas etapas sucesivas, evolucionando progresivamente cara o modelo ou “xemelgo dixital” do vehículo na súa totalidade que permita realizar ensaios virtuais representativos do vehículo real a desenvolver.

PUBLICIDADE