As empresas que ían participar no Mobile World Congress recibirán compensacións económicas
mércores, 25 de marzo do 2020
A
cancelación do Mobile World Congress de Barcelona por mor da COVID-19 víase
no seu momento como unha medida un tanto precipitada, que atendía a unha histeria
global difícil de xustificar, xa que naquel momento a presenza do coronavirus
en Europa era case inexistente, pero a práctica confirmou moi atinada a
decisión, aínda que vaia supor un duro golpe para a entidade organizadora, que vén
de anunciar as medidas que adoptará para compensar ás empresas inscritas no
evento cancelado.
A GSMA parece confiar nas compañías participantes, de xeito que ofrece
diferentes opcións coa esperanza de que a meirande parte das empresas aposten
por unha presenza a longo prazo no evento e así non supoña un golpe tan duro
para a organización que force á súa disolución.
Os asistentes que mercasen billetes para acudir ao MWC recibirán o reintegro
completo polo método de pagamento que empregasen, pero as empresas participantes
poderán optar por distintas solucións en función da cantidade que investisen no
evento. As empresas que gastasen até 5.000 libras esterlinas poderán recibir en
efectivo o 100% das cotas relativas ao evento de 2020, pero tamén poden optar
por recibir o 125% de tal cantidade fraccionada en 3 anos, de xeito que terían
un desconto do 65% no MWC de 2021, do 35% no de 2022 e do 25% no de 2023. No
caso de ter gastado máis de 5.000 libras a devolución sería de só o 50% cun máximo
de 150.000 libras ou tamén a opción de recuperar o 125% das taxas repartíndoas
en 3 anos.
A opción de fraccionar a devolución das cotas das empresas participantes garantiría
a solvencia económica da GSMA, así como a celebración da meirande cita tecnolóxica
do mundo durante varios anos.