As empresas poderán ter o seu catálogo de produtos dentro de WhatsApp

xoves, 7 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Aínda que a aplicación de WhatsApp Business (WhatsApp para negocios) sexa moi semellante á de WhatsApp para particulares, pouco a pouco vai recibindo prestacións para diferenciarse e incorpora prestacións moi prácticas para as empresas, como é o caso dos catálogos, funcionalidade que permitirá que os negocios poidan presentar unha relacións de produtos e servizos a potenciais clientes, que poderán explorar fotogrfías, ver prezos e ler descricións de produtos para facilitar as súas decisións de compra.
Os catálogos dentro de WhatsApp veñen a ser unha especie de tenda en liña, que non precisa dunha páxina web en si, de xeito que as empresas poden alimentar esta relación de produtos simplemente subindo fotografías e engadindo detalles sobre os artigos.
Os elementos dos catálogos poden enviarse aos clientes en mensaxes en conversas (por exemplo, para facer unha recomendación), o que resultará especialmente atractivos en mercados emerxentes, onde a actividade dos usuarios é máis frecuente dentro das aplicacións que na web en xeral, ou sexa, que confían en que os catálogos teñan boa aceptación en mercados nos que os usuarios subiron ao carro do móbil sen pasar antes polo ordenador persoal. As imaxes dos produtos estarán nos servidores de WhatsApp, polo que non ocuparán espazo nin no móbil das pequenas empresas nin nos dos seus clientes.
Esta nova funcionalidade estará dispoñible para os usuarios de WhatsApp Business en Brasil, Alemaña, India, Indonesia, México, Reino Unido e EE.UU. nun primeiro momento, para espallarse globalmente en breve.

Vídeo no que podemos ver o funcionamento dos catálogos dentro de WhatsApp

PUBLICIDADE