As empresas galegas mostrarán os seus casos de éxito TIC en Ecommerce Tour A Coruña

martes, 20 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Coruña ferve estes días de acontecementos tecnolóxico-dixitais que centran a atención mundial de profesionais, desenvolvedores e empresas na nosa terra. Así, á Mobile Week Coruña e as súas moitas actividades únese este xoves, en PALEXCO, a parada galega da xira Ecommerce Tour 2018, unha xornada para, en palabras dos organizadores, “dar a coñecer tendencias sobre comercio electrónico, loxística, transformación dixital, mercadotecnia dixital e comercio en liña”.
Segundo avanza dende Ecommerce News, impulsora da xira, participarán máis de 200 profesionais mostrando os novos vieiros da actividade económica, produtiva, cultural e comunicativa. Amais, porase o foco en achegar recursos para facilitar a obrigada transformación tecnolóxica das nosas empresas.
Haberá relatorios, mesas redondas e casos de éxito das diferentes empresas e institucións que lideran a transformación dixital e o comercio electrónico en Galicia, exemplos de éxito de empresarias e empresarios innovadoras/es da nosa terra como Minevera.com (startup que aposta por levar tuppers a domicilio ou oficinas), Fresco y del Mar, Zapaterías Krack, Mariskito.com, O Percebeiro, Tote Bebes, Brico4Pro ou Dromosport, aos que cómpre engadir contribucións estatais tan relevantes como Electrocosto.com ou Vinopremier (que recentemente abriu sede de seu na Coruña).
A axenda do evento tamén ten previsto tamén analizar estratexias de optimización loxística para comercio electrónico a través de DHL Parcel e Correos Express; consellos para optimizar as vendas a través de mercadotecnia automática grazas a Emred; como sacar o máximo proveito ás redes de afiliación; pagos a través de canles de atención ao cliente como Whastapp ou Messenger grazas a Comercia Global Payments, e “moito máis”.
O evento desenvolverase este 22 de novembro de 2018 de 10h a 14h en PALEXCO (Peirao de Transatlánticos, s/n, 15003 A Coruña, A Coruña).

PUBLICIDADE