As empresas do Mobile World Congress interésanse pola plataforma Signen da galega Tecalis

luns, 19 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Captura da aplicación Signen da firma galega TecalisEntre as empresas galegas que van ter presenza na edición 2018 do salón Mobile World Congress de Barcelona atópase (como fixemos saber os días pasados dende Código Cero) a firma Tecalis Innovación, con sede de seu no Milladoiro (Ames). Tecalis, segundo nos vén de informar, presentará na dita feira a plataforma Signen, unha tecnoloxía de seu que permite asinar acordos entre dúas ou máis persoas a través de diferentes xeitos, algúns deles tan innovadores como os formatos de audio ou de vídeo.
Signen, o primeiro produto propio da empresa galega, ten importantes potencialidades para unha manchea de sectores. A súa presenza no salón Mobile World Congress, que se celebra a partir do 26 de febreiro, está a xerar interese. “Mesmo dende unha moi coñecida multinacional tecnolóxica estadounidense que cotiza en NASDAQ”, informa Tecalis.
A plataforma Signen, amais de polo devandito, tamén salienta por ser doada de empregar, botando man da mesma filosofía accesíbel que WeTransfer, por poñer un exemplo ilustrativo. A metodoloxía que mostra é ben sinxela: modelo open cun email do emisor, email do/os receptor/es, documento que se adxunta, elixir método de sinatura-aceptación e validación final da firma.
A tecnoloxía de Tecalis, ademais, pode empregarse para contratos privados entre persoas (compravenda, aluguer de inmóbeis, acordos de carácter privado, etc) e pode usarse entre empresas (acordos mercantís, en sinaturas de contratos e en todo tipo de documentos), e tamén inclúe unha API aberta que permite integrar Signen cos programas de xestión da nosa compañía.
Lembrar tamén que a plataforma está elaborada con tecnoloxía Blockchain, que garante a máxima seguridade, e é de balde. Pode usarse en versión web ou en versión aplicación móbil para dispositivos con iOS ou con Android.

PUBLICIDADE