As empresas de Ribeira mergúllanse nas novas correntes da mercadotecnia en liña

venres, 3 de decembro do 2021 S. P.

Da man do Concello de Ribeira e da empresa 2BDigital, firma de novas tecnoloxías e transformación con presenza activa na cidade, o Consistorio acolleu na tarde-noite deste xoves 2 de decembro unha conferencia sobre mercadotecnia dixital e as diferentes ferramentas e metodoloxías das que podemos botar man para facer medrar a nosa empresa (en clientes, en visibilidade nos buscadores, en beneficios, en mercados, en innovación) e facela máis competitiva.
O relatorio foi impartido polo experto Luis Fernández Combarro, quen conta cunha ampla bagaxe en implantar novas técnicas de marketing en empresas como Procter & Gamble, Telefónica ou Antena 3.
Ao longo dunha hora e media e ante un público formado principalmente por representantes de distintas empresas do tecido comercial e industrial da contorna de Ribeira e a comarca do Barbanza, Fernández Combarro explicou as claves para percibir o cambio de ciclo actual e os novos hábitos dos consumidores á luz da consolidación da sociedade dixital.

PUBLICIDADE