As empresarias ourensás buscan a igualdade de oportunidades perante o reto tecnolóxico

venres, 22 de febreiro do 2008 Raquel Noya

Preto de medio cento de persoas, na súa gran maioría mulleres, asistiron onte (xoves 21 de febreiro) á xornada que Agestic celebrou nas instalacións do Salón Caixa Galicia de Ourense co obxectivo de afondar na igualdade de xénero na Sociedade da Información. Á sesión, que estaba dedicada ás profesionais liberais, autónomas e emprendedoras, asistiron a directora xeral de APD Noroeste, Loreto Sanmartín Gómez e a psicóloga Ermitas Acevedo, responsable da consultora de recursos humanos ARS Humana, quen propuxo un xogo para amosar que a día de hoxe aínda existe “unha predisposición mental a cualificar profesionais e tarefas por xénero aínda que sexamos persoas a favor da igualdade de sexos”.
Ambas profesionais coincidiron en afirmar que as TIC poden favorecer a igualdade de oportunidades e salientaron o papel das novas tecnoloxías e Internet como ferramentas moi necesarias para favorecer a inserción laboral da muller e mellorar a súa calidade de vida.
Pola súa parte, o director da Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense, Enrique Barreiro Alonso, falou sobre a presenza da muller na Universidade e, de xeito especial, nas carreiras tecnolóxicas. Barreiro asegurou neste senso que “as mulleres que acceden a unha carreira técnica teñen un rendemento académico igual ou superior ó dos homes” e, continuou, “elas prolongan en maior medida o seu período de aprendizaxe completando os seus estudos con másters e cursos de posgrao”.
A xornada estivo enmarcada no ciclo Nin máis nin menos, que continuará o vindeiro 6 de marzo en Vigo, onde se analizará o papel da muller e as TIC no sector industrial dende a perspectiva da igualdade de xénero.

PUBLICIDADE