As editoriais só asumirán o IVE dos e-books publicados antes do verán

mércores, 5 de setembro do 2012 Raquel Noya

Os seareiros dos trebellos tecnolóxicos que estaban agardando a que o mercado dos e-readers se estabilizara e o prezo dos dispositivos baixara para facerse cun bo aparato, non contaban coa subida do IVE dos e-books (até o 21%), e agora terán que facerlle fronte, inevitablemente, nas novas adquisicións dixitais que fagan.
Malia todo, moitos editores, axentes literarios e escritores, afirman asumir o novo IVE dos seus e-books en favor do consumidor, deixándoos ó mesmo prezo e ingresando menos beneficios pola súa venda; pero o certo é que este compromiso “só é para os libros electrónicos xa publicados”, pois as novidades dixitais de escritores supervendas lanzaranse a prezos superiores aos 10 euros, chegando incluso aos 23,95 que custará, por exemplo, a nova triloxía de Ken Follett.
Xa que logo, as versión dixitais dos libros que xa estaban no mercado antes da subida deste imposto, manterán o seu prezo de antes do verán (unha media de 3, 6 ou 10 euros dependendo de se son novidades ou reedicións); mentres que as novas estreas consideradas “de éxito” non farán miramentos, e cobraranse moi por enriba da barreira psicolóxica dos 10 euros.
Os datos despréndense dunha reportaxe de investigación que fixeron en Lainformación.com, tras comparar os andeis virtuais das principais librarías en liña do noso Estado.
Neste estudo deixan en evidencia a estratexia a seguir polas editoriais: os e-books publicados antes do verán seguirán co prezo que tiñan, pero as novidades dos chamados megasellers en formato electrónico serán máis caros que nunca, con prezos demasiado elevados para os petos dos lectores dixitais de a pé.

PUBLICIDADE