As cousas que nos deparará Internet, ao detalle nas xornadas de filosofía da ciencia da UDC

mércores, 13 de febreiro do 2019 Redacción

As Xornadas de Filosofía da Ciencia da Universidade da Coruña vanse centrar, o vindeiro mes, nos camiños que percorrerá no futuro a sociedade dixital. Este tema será tratado ao detalle polo director do Institute for Data Exploration and Applications e Tetherless World Professor of Computer, WEB and Cognitive Sciences no Rensselaer Polytechnic Institut de Nueva York, James Hendler, que será o responsábel da conferencia inaugural, baixo o epígrafe O futuro da web. A edición 24 das xornadas celébranse no Campus de Ferrol os días 14 e 15 de marzo.
Previamente, o reitor da UDC, Julio Abalde, inaugurará os encontros xunto co coordinador dos mesmos, Wenceslao J. González, nun acto que será o día 14 ás 9:45h. Nesta ocasión, a temática xirará arredor de Internet e ciencia: análise desde a complexidade estrutural e dinámica.
A continuación da intervención de Hendler sobre o futuro da Sociedade da Información, falará o profesor da University of Massachusetts Lowell Yan Luo sobre o deseño de internet de máquinas e humanos para o futuro.
Segundo salienta a organización das xornadas, estas traerán a Ferrol a relatores do máximo nivel de universidades de Estados Unidos, Reino Unido, Tailandia, Noruega e España. A asistencia é libre previa inscrición. AUDC tamén salienta, no programa previsto de relatorios, intervencións sobre temas como a complexidade na construción de Internet, as tendencias na relación entre ciencia e Rede, observatorios de datos, plusvalía dixital ou a necesidade dun novo enfoque económica para a economía creativa na era dixital. Quen queira máis información sobre as xornadas pode visitar a web específica das mesmas.

PUBLICIDADE