As copias de seguridade de Google One ábrense aos usuarios de balde

xoves, 30 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Hai un par de anos Google lanzou un servizo de subscrición chamado Google One que botou a andar con plans de almacenamento ampliado, a capacidade de compartir almacenamento con membros da familia, soporte en vivo para preguntas de Google e beneficios como créditos de Google Play e recompensas para membros de Google Store; e en 2019 incorporaron un sistema de copia de seguridade do teléfono automática en dispositivos Android, prestación que foi moi ben recibida, de aí que agora decidan estendela a todos os usuarios de Google de balde para o que será preciso instalar a nova aplicación de Google One, dispoñible tanto para iOS como para Android.
Coa aplicación de Google One preténdese que os usuarios poidan ter copias das súas fotografías, vídeos, contactos e eventos de calendario aproveitando os 15 GB de almacenamento que Google achega coas súas contas de usuario, de xeito que ante distintas incidencias podemos estar tranquilos sabendo que os datos do móbil están seguros na nube.
Google One (na aplicación e na web) tamén conta cun sistema de xestión do almacenamento, que axuda a saber da situación do noso almacenamento na nube e conta con ferramentas para facilitar a liberación de espazo.
A aplicación de Google One para Android recibirá estas novas prestacións en breve, chegando un pouco máis tarde á aplicación para iOS.

PUBLICIDADE