As conexións de banda larga españolas continúan a perder eficiencia a maiores velocidades

mércores, 23 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Velocidades medias por operadoras acadadas para conexións de 6 Mbps

Dende ADSLzone continúan a medir a calidade das nosas conexións de acceso á Internet nun meticuloso estudo que, coma vén a ser habitual, reflicte que as operadoras de telecomunicacións entregan menos velocidade da prometida, o que resulta máis pronunciando segundo incrementamos a velocidade, de xeito que para conexións de 20 Mbps teriamos unha velocidade media de 9,5 Mbps (e que nunha operadora coma Orange chegaría ata só 5,5 Mbps), mentres que as conexións de 3 e 6 Mbps a media de velocidade é superior ao 80% do prometido. No tocante á velocidade de subida, a media española continúa a ser moi deficiente, quedando en 304 Kbps (mentres que a OCDE recomenda superar 1 Mbps), o que limita claramente a capacidade que temos de publicar os nosos propios contidos na web.
O informe pon de manifesto que as comunidades con maior poboación son as que teñen conexións máis rápidas e estables, aínda que cando existe un operador de cable representativo tamén é posible atopar mellores conexións (como acontece no País Vasco e en Galicia).
Concretamente no caso galego analízanse por separado as conexións da operadora de cable R, que supera o 80% da velocidade prometida nos seus accesos de 6, 12 e 30 Mbps, que acadarían unhas velocidades de subida medias de 287, 513 e 901 Kbps respectivamente.
Os datos empregados proveñen para o estudo proveñen de 808.921 probas realizadas a través do medidor de velocidade de testdevelocidad.es, ao que accederon no 51,46% dos casos dende o navegador Internet Explorer, o 37,75% co Mozilla Firefox, o 5,25% co Google Chrome, o 2,86% co Safari e o 1,79% co Opera. No tocante ao sistema operativo, o 93,40% dos usuarios utilizaron Windows.

PUBLICIDADE