As comisións de Steam redúcense proporcionalmente en función do volume de vendas
luns, 3 de decembro do 2018
A tenda dixital de xogos para ordenador de referencia
a nivel global, Steam, vén
de actualizar o seu Acordo de Distribución con varios cambios importantes,
entre os que destacan especialmente os novos niveis de ingresos compartidos.
Deste xeito Valve muda o sistema de reparto de ingreso dos xogos publicados na
súa plataforma dixital, de xeito que a partires do 1 de outubro de 2018 cando
un xogo supere os 10 millóns de dólares en Steam a partes das ganancias que irá
para a plataforma será do 25% (lembremos que o habitual neste tipo de
plataformas é unha comisión do 30%); cando se superen os 50 millóns de dólares
a parte que irá a parar a Steam limitarase a un 20%. Este reparto de ingresos
non se aplica só aos xogos, senón tamén aos contidos descargables e ás compras
dentro das aplicacións, buscando así recompensar aos desenvolvedores dos
meirandes xogos, que terían así unha mellor sintonía con Steam e a súa
comunidade.
Outro cambio nas normas afecta á confidencialidade dos datos de vendas, que a
partires de agora poderán manexarse como estime oportuno cada compañía, de
xeito que será posible compartilos ou facelos públicos. Tamén incorporaron
información sobre como se tratan os datos dos clientes en conformidade co
Regulamento Xeral de Protección de Datos en vigor en Europa.