As comarcas de Pontevedra apostan pola Rede para mostrar os seus reclamos

martes, 20 de agosto do 2019 Redacción

A actividade turístico-promocional da nosa terra non descansa este mes de agosto, ao contrario. Nesta liña sitúase a web de Turismo de Rías Baixas, que está a mostrar perante mundo unha ducia de rutas turísticas de potencial interese para os visitantes da provincia. O labor informativo faise a través da iniciativa Fame de Experiencias da Deputación, buscando poñer o foco nas singularidades das distintas comarcas.
“Os itinerarios preséntase web dun xeito organizado e cómodo para que poidan preparar de forma máis sinxela as súas viaxes”, informa a Deputación, engadindo que os roteiros fan un completo repaso destes destinos únicos, salientando a oferta de museos e gastronomía.
Así, conteñen información sobre museos, centros de interpretación, xacementos arqueolóxicos, elementos patrimoniais, amais dos lugares de interese paisaxístico, produtos e eventos gastronómicos e establecementos de restauración e aloxamentos de cada un dos destinos. Vigo figura en tres destas rutas, Pontevedra en dúas, ao igual que Deza e Baixo Miño, e as zonas do Morrazo, Caldas, O Salnés, Tabeirós-Terra de Montes e O Condado nunha.
Os itinerarios son Viño e Lamprea (comarca de Paradanta), Terra de Fronteiras, Auga e Historia (O Condado), O sagrado na natureza e o control da paisaxe (O Baixo Miño), Puro Atlántico (Baixo Miño e Vigo), Arte e cidade (Vigo), Un mar de historias (Vigo), Entre o mar e a terra (O Morrazo), Un tesouro artístico (Pontevedra), Do mar e do viño (O Salnés), Entre ríos e mananciais (Caldas), O campo, un mundo de riquezas (Tabeirós-Terra de Montes e Pontevedra) e Terras do Interior (Deza).
Aa rutas (ás que se pode acceder desde a pestana Descubre da web Turismo Rías Baixas), divulgaranse tamén a través de folletos que se porán a disposición dos visitantes e que recollen a información dun xeito máis esquematizado.

PUBLICIDADE