As claves para loitar contra as neoadiccións, no Vello Cárcere de Lugo

mércores, 20 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Un dos recantos do Vello Cárcere de Lugo nunha imaxe de Carmen García-Rodeja vista en Praza.gal

O Concello de Lugo quere abordar de cheo a problemática dos novos trastornos aditivos. E farao cunha mesa redonda, a celebrar este 21 de febreiro nas instalacións do Vello Cárcere a partir das 19.00 horas, con entrada de balde e aberta á cidadanía en xeral. A sesión, moderada polo xornalista Juan Carlos Rodríguez, contará coa participación de Manuel Isorna, doutor en Psicoloxía, Gerardo Rodríguez, da Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados e María José Lamas, directora de ADAFAD. A cerna temática da mesa redonda serán as neoadiccións, un termo que en boa medida abrangue os trastornos que se derivan dun mal uso das novas ferramentas tecnolóxicas e dos servizos dixitais.
A cita Xuventude e adiccións sen sustancia: as neoadiccións e apostas online enmárcase dentro das mesas redondas sobre mocidade que vén organizando nos últimos meses o Goberno de Lugo.
Na súa presentación, a concelleira Carmen Basadre convidou aos mozos e mozas luguesas, ás súas familias e á veciñanza a asistir a este encontro divulgador e de debate sobre “un problema en auxe como son as adiccións sen sustancia”. Un problema, dixo, cuxas consecuencias se reflicten en múltiples aspectos do noso día a día, nas familias e nos colexios, e tamén en investigacións concretas que podemos ver, como a enquisa recente Adicción do País Vasco, publicada o pasado 2018, na que se mostra que o 21% dos adolescentes realiza un uso problemático do móbil ou da Rede e un 6,4% dos estudantes realizou apostas online.
O debate deste xoves, que será moderado polo xornalista Juan Carlos Rodríguez, contará con testemuños en primeira persoa.

PUBLICIDADE