As claves para adaptármonos á comunicación 2.0, ao descuberto nun curso en Santiago

luns, 5 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Iván Fociños e María Mosquera, responsables desta acción formativa, coinciden profesionalmente en PéZcalo.es

A Rede foi, para os medios de comunicación e para os lectores, unha marea que o levou todo por diante e deixou, finalmente, un panorama distinto onde todo se mestura, cos lectores converténdose eles tamén no proceso informador, e cos comunicadores tradicionais buscando unha actividade participativa cos seus destinatarios. As redes sociais, para enlealo todo, abriron un novo mundo de formatos, soportes e métodos de traballo. Para avaliar todas estas posibilidades e amosarllas en todo o seu potencial aos profesionais da comunicación, a Asociación Galega para a Formación do Sector Publicitario, AGAFPU, organiza o curso Gabinete de Prensa 2.0 en Galicia.
A actividade formativa, a desenvolver os sábados 24 de setembro e 1 e 8 de outubro en Santiago de Compostela, diríxese polo tanto a facilitar a adaptación ao novo estado de cousas dos profesionais dos medios informativos e, máis polo miúdo, dos gabinetes de prensa, que se atopan, todos eles, “ante o desafío dunha nova formulación informativa: as redes sociais, os blogs, elementos que deben terse en conta e cobran tal importancia como as canles e soportes tradicionais”, sinala a organización. O curso, que mestura unha parte teórica con exemplos actuais que xa aplican diferentes departamentos de prensa, inclúe no seu programa os seguintes apartados, referidos de xeito resumido:
1. Novas canles para impactar, redes sociais e o “faino ti mesmo”
2. Que tipo de noticia a que tipo de target?
3. Como redactar para online?
4. Reputación corporativa e identidade dixital
5. Máis que notas de prensa
6. E unha vez que informas, como valorar a penetración?
7. A quen vai dirixido?
A actividade formativa vai dirixida, como dixemos, a profesionais da comunicación, responsables de gabinetes de prensa e marketing tanto de institucións coma de empresas privadas. O nivel da acción formativa non esixe grandes coñecementos avanzados no eido da xestión das oficinas de medios, aínda que si que se requiren unha certa base de coñecemento (redacción de notas, convocatorias de medios, etc). O curso contará en labores de docencia coa profesora María Mosquera (licenciada en Xornalismo pola USC e especializada en Xornalismo Electrónico na Universidade de Van Amsterdam de Holanda) e co profesional das novas tecnoloxías Iván Fociños, experto en accesibilidade e máis en todo o relacionado coas novas canles e vieiros da nova comunicación e da nova publicidade.
O lugar elixido para o desenvolvemento da convocatoria é a aula de formación da propia asociación organizadora, emprazada na rúa Gómez Ulla, número 14, de Santiago de Compostela.
O custo do curso é de 125 € e ou prazo de inscrición estará aberto ata ou 16 de setembro. Dada a grande demanda suscitada desta acción formativa reservarase praza por estrito orde de inscrición.

PUBLICIDADE