As cabinas telefónicas deixarán de ser servizo universal

venres, 11 de setembro do 2020 Marcus Fernández

A incomprensible teima do Goberno de manter as cabinas telefónicas como servizo universal, pese ás recomendacións da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, finalmente cederá por mor da sentenza que considerou nula a prórroga que obrigaba a Telefónica a facerse cargo das cabinas, como reflicte o Anteproxecto de Lei Xeral de Telecomunicacións, que na súa disposición transitoria novena recolle «o cesamento da prestación do elemento de servizo universal relativo ao subministro dunha oferta suficiente de teléfonos públicos de pagamento asignada a Telefónica de España, SAU», o que suporá a pronta desaparición das cabinas por ser deficitarias dende hai bastantes anos pola falta de uso nun mercado no que a cidadanía emprega de xeito xeral teléfonos móbiles.
O anteproxecto inclúe agora como servizo universal o acceso á Internet de banda larga para localizacións fixas que faciliten servizos como o correo electrónico, os motores de busca, a formación en liña, a prensa en liña, o comercio electrónico, a busca de emprego, o establecemento de redes profesionais, a banca electrónica, a eAdministración, as redes sociais, a mensaxería instantánea e as chamadas telefónicas ou videochamadas en calidade estándar. Todo dentro de prezos asumibles e con medidas que non marxinen a consumidores con rendas baixas ou con necesidades sociais especiais.

PUBLICIDADE