As bibliotecas da Coruña proseguen en verán e outono o seu labor de formación TIC

xoves, 22 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

As bibliotecas municipais da Coruña queren contribuír este ano á alfabetización e capacitación tecnolóxicas da cidadanía. E faino cun programa de formación que inclúe unha manchea de obradoiros e que está dirixido a “proporcionar os coñecementos básicos para desenvolvernos no mundo dixital”.
O programa, que aínda estará en activo nesta recta final de 2019 (ofrecendo en agosto, setembro, outubro, novembro e decembro máis actividades formativas en diferentes emprazamentos, dos que se dá conta nun documento PDF en liña), bota luz sobre diferentes ámbitos TIC de gran utilidade para o noso día a día: comunicación, correo, emprego, participación cidadá, compras, trámites administrativos, etc. Asemade, pon o foco nas utilidades dos dispositivos actuais: computador, móbil, libro electrónico e tableta.
Os cursos son os seguintes:
· Iniciación á informática e Internet e correo electrónico: dirixidos a persoas cun descoñecemento absoluto do manexo dun computador e Internet (quedan pendentes citas en setembro na Biblioteca Infantil e Xuvenil e en outubro na Biblioteca Ágora, no Forum Metropolitano e máis na Sagrada Familia).
· Empregabilidade: para persoas interesadas na busca e mellora de emprego (desenvolveuse en febreiro).
· Procesamento de textos: para o deseño, elaboración e impresión de documentos con procesadores de textos (volverase celebrar en setembro na Sagrada Familia).
· Configuración de teléfono móbil: para persoas sen coñecementos sobre as posibilidades de personalizar o seu dispositivo (quedan pendentes obradoiros para outubro nos Rosales e para novembro no Ágora e no Forum Metropolitano)
· Seguridade en Internet: para pais, nais, educadoras e persoas usuarias preocupadas polas implicacións non visíbeis do ámbito dixital (celebrouse en marzo).
· Libro electrónico (celebrarase novamente en outubro, no Forum Metropolitano, en novembro nos Rosales e en decembro na Biblioteca Infantil e Xuvenil).
Os emprazamentos onde están a ter lugar estes obradoiros son a Biblioteca Ágora, Biblioteca Fórum, a Biblioteca Os Rosales, a Biblioteca Monte Alto, a Biblioteca Sagrada Familia e a Biblioteca Infantil e Xuvenil.


PUBLICIDADE