As bibliotecas da Coruña ofrecen cursos e servizos para acheganos á tecnoloxía

mércores, 9 de outubro do 2019 Redacción

As Bibliotecas Municipais da Coruña van poñer o foco este outono na formación tecnolóxica, mostrando como tirar o mellor partido posíbel das novas ferramentas dixitais. Estamos a falar de varios servizos de balde e actividades formativas entre os que se atopa o servizo de Atención Tecnolóxica Personalizada, activo xa en varias bibliotecas da cidade. Consiste, en liñas xerais, na presenza no horario e día indicados dunha persoa experta que axuda a resolver dúbidas puntuais: desde a configuración dun teléfono ata cuestións relacionadas co manexo de redes ou a seguridade dixital. Segundo informan dende Coruña Dixital, non é preciso pedir cita previa e, no caso de ser necesaria para resolver os problemas tecnolóxicos das usuarias e usuarios, é posíbel solicitar unha segunda cita.
Ademais desta atención personalizada, todas as bibliotecas da cidade ofrecen un servizo de Wi-Fi de balde a través dos equipos informáticos dos usuarios ou nos ordenadores do centro, que poden empregarse unha hora ao día. Estes equipos poden reservarse de maneira telemática, seguindo as instrucións que se detallan na web das bibliotecas.
A maiores do devandito, a rede municipal de bibliotecas ofrece varios cursos en diferentes centros da cidade:
· Configuración do teléfono móbil. Aprendizaxe a un nivel básico nos centros Rosales, Ágora e Fórum Metropolitano.
· Iniciación á informática, Internet e correo electrónico. Aprendizaxe a un nivel básico para o manexo destas ferramentas dixitais.
· Nivel intermedio de informática, Internet e correo electrónico.

PUBLICIDADE