As audioguías da Mariña de Lugo xa se poden escoitar en inglés, francés e castelán

venres, 12 de abril do 2019 Redacción

O deputado de Turismo da provincia de Lugo, Eduardo Vidal Baamonde participou este venres na presentación da nova promoción das audioguías ficcionadas da Mariña. A cita foi na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, en Mondoñedo, onde se fixo fincapé nas posibilidades de comunicación e interacción que ofrecen estes recursos turísticos teatralizados sobre os cascos históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro. As audioguías dixitais, como lembraremos, foron presentadas hai un ano pola Deputación de Lugo e a Mancomunidade de Municipios da Mariña. Agora veñen de perfeccionarse coa tradución dos contidos ao inglés, francés a castelán.
No acto de presentación tamén participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro Orol, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia López, a concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo do Concello de Ribadeo, Ana María Martínez Fernández, o tenente de alcalde de Viveiro, Jesús Fernández Fernández e o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e alcalde de Burela, Alfredo Llano García, entidade coa que colabora o Organismo provincial e creadora desta iniciativa turística.
Amais das opcións lingüísticas devanditas, a optimización desta contribución turística sobre os cascos históricos da costa lucense complementouse con material como folletos e carteis para difundir e dar a coñecer nas oficinas de turismo as audioguías ficcionadas da Mariña de Lugo que tamén estarán dispoñíbeis para a descarga e reprodución de balde na web da Mancomunidade.

PUBLICIDADE