As aplicacións de terceiros de Twitter levan horas sen funcionar

venres, 13 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Nas últimas horas os usuarios de clientes de terceiros de Twitter como Tweetbot, Twitterrific, Fenix ou Talon (tanto en plataformas móbiles como en equipos de escritorio) están a ter problemas para acceder á plataforma social de Elon Musk, recibindo mensaxes de erro relativas á API de Twitter, o que está a crear unha grande confusión, xa que Twitter non está a dar conta do que acontece, non quedando claro se estamos ante un problema técnico ou se finalmente decidiron pechar a súa API a aplicacións de terceiro.
Os responsables de Tweetbot aseguran que Twitter aínda non respondeu á súa solicitude de información sobre o asunto, e confían en que esteamos ante un fallo temporal e non un cambio de política por parte de Twitter.
Nos foros de soporte de Twitter tamén hai xente dando conta de fallos na API, asegurando que dende hai bastantes semanas están a rexistrar numerosos fallos, mentres que non hai traballadores de Twitter que atendan os foros en cuestión para axudar aos desenvolvedores en dificultades como acontecía antes.
Haberá que agardar para ver se realmente Elon Musk decidiu pechar a porta ás aplicacións de terceiros ou estamos ante un problema técnico que está a tardar demasiado en arranxarse.

ACTUALIZACIÓN: A empresa responsable de Tweetbot, ante o silencio de Twitter sobre o peche da súa API a clientes completos externos (pero non a outras aplicacións que só acceden a algunhas funcións de Twitter) despois agradecer que moitos usuarios leven unha ducia de anos empregando as súas aplicacións para acceder a Twitter lembran que están a traballar nun cliente de Mastodon o que pode entenderse como que se Twitter non os queren teñen outras plataformas ás que achegar aos usuarios que buscan aplicacións sociais de calidade.

PUBLICIDADE