As aplicacións da IA protagonizan este xoves a nova sesión do Ciclo Aida Fernández Ríos
martes, 6 de xuño do 2023
Como
a Intelixencia Artificial pode contribuír positivamente á saúde
mental? é o título do novo seminario web do Ciclo
de Conferencias Aida Fernández Ríos que promoven a Deputación de
Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e que
imparte este xoves 8 de xuño Ana Freire Veiga, profesora titular e
vicedecana de Impacto Social e Innovación Académica da Barcelona
Schooll of Management da Universidade Pompeu Fabra. A cita será ás
19 horas e as persoas interesadas en asistir poden
inscribirse no formulario que atoparán na web provincial.
Nesta
nova sesión do ciclo, Freire falará das tecnoloxías intelixentes
que analizan información a gran escala cunha primeira parte na que
explicará o porqué de que se estea a falar tanto delas ultimamente,
amais de poñer varios exemplos do seu uso e comentar tamén os seus
beneficios e riscos.
Na
segunda parte, a experta presentará os resultados de STOP (Suicide
prevenTion in sOcial Platforms), un proxecto liderado desde a
Universidade Pompeu Fabra no que se aplica Intelixencia Artificial
para contribuír a mellorar a saúde mental de usuarias e usuarios de
redes sociais con problemas neste eido coma a depresión, a ideación
suicida ou os trastornos da conduta alimentaria. Grazas a este
proxecto incrementáronse as chamadas de redes sociais ao teléfono
da esperanza en máis dun 60 %, avanza a relatora.
Trala
conferencia deste xoves, as charlas para o público xeral chegarán
ao seu fin o día 15 de xuño, ás 19.00 horas, cun seminario en liña
sobre a Evolución das nosas células e por que se producen os
tumores que ofrecerá David Posada, catedrático de Xenética do
Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo. As
persoas interesadas en asistir de maneira telemática (e de blade) ás
conferencias deberán inscribirse en www.depo.gal.
Co
Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, a institución
provincial e a RAGC convidan a cidadanía a achegarse ás ciencias e
ás aplicacións do coñecemento científico á sociedade como
axudante do desenvolvemento socioeconómico. O programa abrangue un
total de 13 conferencias, por unha banda oito webinarios dirixidos
á cidadanía en xeral e, pola outra, cinco conferencias presenciais
en centros educativos, tratando temas como a seguridade alimentaria,
as enerxías limpas, as comunicacións cuánticas, as aplicacións da
IA, o Big Data e a xenómica.