As ameazas laborais da Industria 4.0, a debate na UVigo

luns, 24 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Houbo un tempo que as máquinas eran o inimigo, sobre todo en determinadas épocas da primeira revolución industrial, cando boa parte das vantaxes da tecnoloxía estaban aínda por ver, non así as ameazas. A cuestión non está resolta e abrolla de novo nos debates económicos e produtivos coma se non pasasen 200 anos dende aqueles tempos, senón apenas dúas horas. Dos pros e dos contras da tecnoloxía falouse hoxe na primeira Xornada Laboralista que que se celebra no Campus de Vigo, coa diferenza de que agora ponse o foco no factor smart: se ben as máquinas da primeira revolución tiñan un límite, só eran mecanismos, en breve poderán facer calquera cousa por nós.
Entre outras cousas tentouse responder á seguinte pregunta: pode a Industria 4.0 afectar ás relacións laborais e ao sistema nacional de pensións?
Baixo o título Problemas laborais no marco da economía 4.0, a xornada celebrouse hoxe na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo dan man do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, en colaboración coa Universidade de Vigo, o Consello Xeral de Graduados Sociais de España, o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
A cita arrancou cunha intervención de Javier San Martín Rodríguez, presidente do dito Consello Xeral, centrada na vídeo-vixilancia e o control informático. Contou coa presenza de Belén Cardona, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social de la Universidade de Valencia, Jesús Cruz, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social de la Universidade de Sevilla, Teresa Conde Pumpido, maxistrada da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo.
A xeira de intervencións foi inaugurada polo secretario xeral da Universidade de Vigo, Miguel Ángel Michinel; pola decana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Almudena Bergareche, e polos presidentes do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra e do Consejo General de Graduados Sociales de España.
Tamén interveu Raúl Gómez, presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra, quen mostrou o seu convencemento sobre as consecuencias negativas, no plano laboral, que van ter os chamados recursos 4.0: “É evidente que a creación de traballos autómatas e as novas tecnoloxías van supoñer a perda de moitos postos de traballo e por conseguinte máis desemprego. Por outra banda, menos traballadores significa menos cotizacións o sistema da seguridade social, o que implica que as pensións se verán afectadas”. Porén, avogou tamén por encarreirar o proceso cara o aproveitamento das vantaxes das novas ferramentas e cara a unha máis que necesaria formación actualizada acerca das transformacións das que xa estamos a ser testemuñas: “As e os actuais e futuros colexiados deben ser coñecedores dos cambios que no marco laboral introducirá a economía 4.0”.

PUBLICIDADE