As administracións galegas contan cun novo tradutor automático

martes, 19 de novembro do 2013 Redacción

Esta mañá presentouse o novo tradutor automático Gaio, que busca facilitar ao persoal da Administración a tradución de grandes volumes de documentación técnica e administrativa, así como a tradución inmediata de páxinas web, actas, informes e outra documentación, correos e documentos completos. Esta solución, iniciada pola AMTEGA en colaboración coa Secretaría xeral de Política Lingüística e a empresa compostelá Imaxín Software, busca fornecer a presenza do galego nas administracións autonómica e local, facilitando aos profesionais públicos a tradución entre o galego e o castelán (en ambos sentidos).
Gaio contempla entre as súas novidades a terminoloxía específica administrativa e nomenclatura proia das entidades, como nomes de consellerías, Concellos, altos cargos, órganos de goberno ou integrantes das corporacións locais, e facilita que concellos, o SERGAS ou o traballadores de Xustiza poidan traducir documentos en distintos formatos (txt, html, doc, docx, xlsx, pptx, odt, ods, odp e pdf) entre o español, o galego e o portugués.
Na presentación desta ferramenta estiveron presentes Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Mar Pereira Álvarez, directora da AMTEGA; Norberto Uzal Tresandí, director xeral de Administración Local; e Luz Castro Pena, responsable da Área Multimedia de Imaxín Software. Nesta sesión formativa desenvolvida no edificio CINC da Cidade da Cultura deron conta das novidades e funcionalidades do sistema de tradución automática que xa está en funcionamento a través do portal Eido Local e da intranet da Xunta.
García Gómez recordou que “O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) avoga por perfeccionar e potenciar a tradución automática como forma de asegurar a libre circulación do galego nos sistemas avanzados da vida moderna e por poñer cantos medios técnicos, lingüísticos e terminolóxicos cumpran para asegurar o seu uso nas actividades profesionais”. En palabras do secretario xeral “coa implementación do Gaio, a Xunta de Galicia, dálle resposta a estas directrices que marca o PXNLG de actualizar os recursos técnicos para facilitar o traballo en galego dos funcionarios, o que permitirá consolidar o galego como idioma xeral de referencia na Administración autonómica, xeneralizar o seu uso como lingua principal de traballo e de comunicación cos administrados na Administración local e asegurarlle a oferta positiva do galego á cidadanía no marco dos procesos que leva adiante a Administración de xustiza, así como no ámbito da sanidade”.
Pola súa banda a directora da AMTEGA sinalou que “a tecnoloxía é un aliado indispensable na difusión da lingua e da cultura e que neste sentido o tradutor automático Gaio contribuirá á normalización da idioma e facilitará o traballo diario dos profesionais do sector público galego. Por iso o Gaio estará á disposición dos traballadores autonómicos, por medio da intranet da Xunta, e á dos empregados públicos dos Concellos da Comunidade, grazas ao portal Eido Local, a porta de entrada dos municipios aos servizos da Administración electrónica. Unha iniciativa promovida pola Xunta a través da AMTEGA e a Dirección Xeral de Administración Local coa colaboración da FEGAMP, dentro do Plan eConcellos, que conta con máis de 3.600 usuarios e que recibe unha media de 34.000 visitas ao mes”.

PUBLICIDADE