As actualizacións de Windows 10 non serán opcionais
venres, 17 de xullo do 2015
A poucos días do lanzamento de Windows 10 imos sabendo máis
detalles deste sistema operativo que pretende ser unha grande revolución, sendo
especialmente interesante o feito de que quere transformarse de produto a
servizo, o que garantiría actualizacións a longo prazo, pondo fin ao lanzamento
cada poucos anos de distintas versións de Windows, e distanciándose de
políticas de actualizacións como as de Apple (que ofrece de balde as distintas
versións do seu sistema operativo, pero procurando realizar unha grande
actualización ao ano).
Este cambio de filosofía busca así evitar que os usuarios queden ancorados en
vellas versións dos sistemas operativo (o que normalmente supón problemas de
mantemento e unha ameaza para a seguridade en liña), como acontece con millóns
de equipos que aínda teñen Windows XP ou o feito de que a metade dos equipos en
funcionamento actualmente aínda teñan Windows 7. Precisamente os usuarios máis
conservadores poderían amosar reticencias a este cambio de rumbo, xa que “os
termos de licenza de Windows 10 requiren ter activadas as Actualizacións
Automáticas para manter aos nosos clientes seguros e achegar Windows como
servizo” segundo fontes de Microsoft, ou sexa, que os usuarios doméstico
deberán aceptar que Microsoft actualicen constantemente os seus equipos,
mentres que a nivel corporativo existirán ferramentas (Windows
Update for Business) para que os administradores de sistemas poidan
controlar os cambios a fin de manter o seu correcto funcionamento.
Actualmente os usuarios domésticos podían decidir as actualizacións a instalar,
e incluso evitar os importantes Service
Packs, pero con Windows 10 iso non sería posible para poder funcionar co
sistema con normalidade, na liña do que acontece actualmente con produtos como
os navegadores web (que na súa meirande parte integran actualizacións
automáticas) ou incluso algunhas plataformas móbiles como iOS (que
practicamente forza aos usuarios a instalar as últimas versións do sistema
operativo se queren poder gozar das novas aplicacións).
Queda agora por ver se esta nova política de Microsoft conseguirá un panorama
informático máis uniforme ou, pola contra, suporá un freo para dar o salto a
Windows 10.