As actividades do Día Europeo das Linguas poderán seguirse a través do Portal da Lingua

venres, 24 de setembro do 2021 S. P.

Este 24 de setembro presentouse a programación do 20 aniversario do Día Europeo das Linguas, unha xornada adicada a celebrar e reivindicar o plurilingüísmo na nosa contorna. Na cia cos medios, desenvolvida no Parque de Santo Domingo de Bonaval (Compostela), participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora xerente de Ardora Comunicación, Belén Fortes, e o director de Nordesía e promotor de Maré 21, Vítor Belho. A programación inclúe unha xornada de actos organizada polo Goberno galego (na praza de Praterías, este domingo 26) e máis o Festival Maré 21.
A xornada impulsada pola Xunta, que poderá seguirse en director a través do Portal da Lingua, comezará ás 11,00 horas cun acto institucional no que participará o secretario xeral de Política Lingüística e estará conducido por Belén Fortes e amenizado por ata catro interpretacións musicais a cargo do trío Thais nas que se mesturarán a música clásica e galega máis tradicional. Tamén tomarán a palabra Xosé Bugallo, alcalde de Compostela; Xesús Palmou, presidente da Academia Xacobea; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Antonio López, reitor da USC, Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia.
Antes do remate do acto, previsto para as 12.30 horas, proxectarase o audiovisual Imos de Camiño, no que se recolle o testemuño de diferentes persoeiros das letras galegas, e farase unha lectura poética multilingüe a cargo dunha ducia de estudantes Erasmus afincados en Compostela.
Tamén coincidindo co festexo desta efeméride, o Festival Maré 21, que se está a celebrar na cidade do 23 ao 26 de setembro, incorpora á súa programación distintas propostas relacionadas co Día Europeo das Linguas en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
No marco do Maré 21 e dentro do espazo do Bonaval, realizaranse obradoiros, conversas e outras actividades relacionadas coas linguas alén do galego, moitas delas minoritarias, xunto cunha ampla programación musical que inclúe os concertos dos galegos Berlai, Davide Salvado e Ailá, ademais dos caboverdianos Maria Alice e Jon Luz e a saharauí Suilma Aali, que nos levan máis aló das fronteiras europeas.

PUBLICIDADE